ESPAÑA E PORTUGAL, UNHA HISTORIA COMPARTIDA?

Un xornal que pasa por voz galega infórmanos dunha mostra de cento e corenta e unha grandes obras do Patrimonio Nacional español no museo da fundación Gulbenkian de Lisboa. Os titulares abraian: España e Portugal vencen as súas pantasmas, din. A arte rexia dunha historia compartida abrangue trescentos e cincoenta anos de relación familiar. Feliz naufraxio de A jangada de pedra de Saramago.
O sensacionalismo asulagou o xornalismo por enteiro. Con toda esta oratoria foncha estánse a referir á historia entre as monarquías española e portuguesa dende os Reis Católicos ata o século XIX. Certamente a arte non amosa ren. Como moito agocha. Chamarlle relación familiar á constante loita dinástica, ás intrigas, encadeamentos, matrimonios concertados, sospeitosas mortes entre irmáns, tíos, sobriños... aos servizo das potencias británica e francesa e as intrigas do Vaticano non deixa de ser unha telenovela de sobremesa.
Pois así artellouse este país chamado España e esoutro que é Portugal (Aos galegos pillounos no medio ou esmagados ou estarricados no poldro inquisitorial). Certo, a historia escríbena os vencedores (anque eu penso que escribir escríbena todos o que ocorre é que nunca dan ao prelo a dos vencidos).
A marca España manda e as obrigadas relacións políticas do novo iberismo á europea prométennos, nos vindeiros anos, un escenario de revisionismo histórico da común historia, da que, de por parte, Galiza segue a ser a gran esquecida. Ao fin, ficamos sen Estado,  a pesares de ser a nai do condado de Portugal (logo país de seu) e reino secular ata a treizón do rei García. Os portugueses deixan de ser eses cidadáns de segunda que sempre foron para o patriotismo de cortello da unidade de España (ao fin deixan de ter mostacho tanto eles coma elas, deixan de falar ese galego deturpado...) para compartir a arte do fabuloso reino castelán.
Non hai que esquecer que Isabel a Católica era filla de portuguesa, nos informan. E a experta do patrimonio español fala de achegamento de coroas. Cicais non lembra a decapitación de Inés de Castro a mans do rei Afonso IV, inspiradora das revoltas que os seus irmáns facían contra o rei de Castela. Estamos en loitas constantes pola reunificación galego-portuguesa, loitas fanadas sempre pero certas. A mediados do século XIV o rei Fernando I reunificara un tempo Galiza e Portugal. Grande ameaza para Gran Bretaña e Franza (non falemos xa do Vaticano). E os mercenarios franceses ao servizo de Henrique de Trastámara volveron crebar o destino natural de Aquén e Alén Miño. Caeu o conde de Andeiro asasinado a mans do futuro rei de Portugal Joao I.
A historia de España e Portugal é unha historia compartida, certamente, mais lixada co sangue dos que ficaron no camiño. A represión contra os galegos non se fixo esperar. Porque os galegos sempre fumos moeda de troco entre imperios. Joao recobrou as provincias de Entre-Douro, Miño e Trás-os-Montes. E facéndolle as beiras ao duque de Lancaster do reino de Inglaterra invadiu Galiza entrando por Coruña e tendo nos Churruchaos a treidora colaboura. (Eis a lembranza lendaria da galiña). Cobizaban unha faixa de territorio entre León e Castela (Cáceres, Mérida...) e Galiza quedaría para Portugal. Así cóntao Benito Vicetto.
A escravitude dos galegos toca a nosa bisbarra pois que Henrique II doa en réxime de escravitude, como propiedade persoal dos Andrade, as vilas de Pontedeume e Ferrol. Mais grande parte do povo galego segue na resistencia coas sucesivas sublevacións contra a teocracia (axustizamentos populares dos bispos de Lugo e Ourense). Cando Galiza perdeu seu rei pasou a sofrer ás monarquías ibéricas. Pedro Padrón, en nome do povo de Ferrol, desafía ao rei español nas portas de Zamora. Era unha revolución contra a monarquía española apoiada na igrexa e a nobreza. Ármase entón a Irmandade Fusquenlla, a primeira revolución irmandiña na Europa.
Ferrol, a terra onde por vez primeira na Europa tenta de se acabar cos privilexios dos señores!. (Nin un monumento fumos quen de erguer a esa fazaña popular histórica e escondida e sen embargo celebramos as históricas Pepitas). Aí naceu a aldraxe e a persecución contra dos galegos, xente feroz que logo foi alcumada de covarde, falsa, analfabeta e demais inxurias que só se lle apoñen a aqueles que se temen!. Comeza a Castración e doma do Reino da Galiza que dixera o pai Zurita. Porque só se pode castrar e domar a quen se revolta, a quen resiste, a quen ama e defende o seu coa propia vida!. O galego deixa de ser lingua oficial do cabido compostelán. Anque algúns conservadores do patrimonio nacional español coiden hoxe, aínda, que as cantigas de Afonso X en galaicoportugués crucen por primeira vez a fronteira e sexan o xerme do galego e da lingua portuguesa actual. Tesouro, disque de Isabel a Católica. Si, trala usurpación do poder á Xoana de Trastámara, inxuriada como Beltranexa (filla dun tal Beltrán e comenenciudamente ilexítima para ben da Católica Isabel)e  así poder tirarlle os seus dereitos lexítimos dinásticos.
Os Reis Católicos foron de todo agás pacíficos. Certamente o obxectivo desta mostra de arte español en Lisboa atina cando di que quere demostrar que ambalasdúas coroas estiveron máis perto e unidas do que se dixo dende os Reis Católicos ata hoxe. Certamente formaron parte da mesma familia, mais recluíndo en conventos ou matando a quen amolaba as súas cobizas. A Excelente senhora, a raíña destronada é o símbolo dunha historia ibérica partillada.
A vergoñenta historia da cobiza do poder dos señores do ceo e da terra contra o seu povo e incluso contra o seu propio sangue. Fillos que treizoan a seus propios pais. Pais que treizoan a seus propios fillos. Irmáns que encadean de por vida a irmáns. Casoiros que non son máis ca alianzas políticas, bendecidas por uns papas que nomean reis e emperadores a pesares de que o seu reino non é deste mundo. Conspiracións e intrigas palacegas con raras abondosas mortes.
Galegos obrigados ás levas en terras afastadas das Hispanias que falan outras linguas e defenden ouros alleos. Este é o triste caso ibérico que esta exposición de arte nos amosa. Para sermos obxectivos e exhaustivos habería que incluir entre as obras do museo a mariscala, o retrato do conde de Camiña, o anel da vergoña das escolas galegas decimonónicas, a espada de Mudarra, a cadea do sartego do derradeiro rei galego D. García e a fouce druídica de Roi Xordo.
Así, como escribía xa Pondal na Vontade homérica, quebrantariamos da serva Lusitania tamén os duros e oprobiosos ferros e nos esquivos combates non seguiriamos aos hispanos políticos pigmeos!

ESPAÑA E PORTUGAL, UNHA HISTORIA COMPARTIDA?

Te puede interesar