Imparcialidade que se di

Hai un par de días que os medios se facían eco de que no Xulgado de Paz de Baiona tivo lugar o xuízo contra Manuel Caride –destacado militante do BNG da zona de Vigo–, identificado e denunciado pola Garda Civil o 24 de agosto do ano pasado por realizar pintadas (a bandeira galega coa estrela vermella acompañada do texto “Galiza nación”) no alto da Groba, lugar onde ía finalizar unha etapa da Volta Ciclista a España en Bicicleta, que dirían os irmáns do sur, os portugueses. Foi acusado de degradación de bens públicos, unha falta administrativa susceptible dunha multa pouco cuantiosa no caso de non resultar absolto, como é de esperar. Segundo manifestou a organización nacionalista, feitos como este hai que enmarcalos nos esforzos que constantemente ven facendo o PP para intentar acalar as voces populares, apreciación que comparto plenamente. De feito, tal e como apuntou o denunciado, nos sitios onde fixeron as pintadas había outras que ninguén denunciou.
Lendo a noticia, lembrei que o 31 de agosto de 2012 –un ano antes destes feitos– finalizara en Ferrol a 13ª etapa da Volta a España dese ano. Recordo que mes e pico despois seguían unhas tremendas pintadas no piso da estrada de Castela, á altura da confeitería Gascón de Recimil. Sempre que pasaba por alí e vía aquilo poñíame de mal corpo por dúas razóns: a primeira porque xa pasara o día (ó parecer non a romaría) e ninguén se ocupara de eliminar aquela pintura e a segunda pola empresa que nela se anunciaba. Ata que un día, despois de pasarlle por riba co coche, cheguei á casa e púxenme a escribir unha das colaboracións para este noso xornal que titulei “Falacias e propagandas”. Nela textualmente dicía que se “calquera coma nós, pintásemos en semellante tamaño calquera propaganda decente nese chan andariamos perseguidos ata case que ter que borrala coa lingua. Pola contra, os usureiros non teñen problema ningún”. E non só iso, senón que os gobernantes do concello de Ferrol lles permitían facer propaganda nunha estrada que é de todas e todos, inclusive dos que se puidesen ter visto afectados polos créditos usureiros da empresa anunciada. O meu desafogo non serviu para outra cousa que para iso, para desafogar, para botar fóra a rabia acumulada. Pola contra, as letras propagandísticas só desapareceron borradas polo tempo. O recente xuízo de Baiona deixa ás claras que os tratamentos son desiguais. Hai casos nimios que se magnifican e casos graves que se minimizan. Tal veu sucedendo con moitos episodios relacionados coa trama Gürtel. Mais agora, cando todo apunta a que probablemente esteamos cerca do seu final, comezan a facerse patentes certos nerviosismos políticos. Acabamos de saber que Milagrosa Martínez, deputada do PP nas Corts Valencianes (das que foi presidenta) e alcaldesa de Novelda, presentou a renuncia á súa acta parlamentaria. Ollo!, que non fai o mesmo coa alcaldía. Esta señora aparece nun dos sumarios da Gürtel relacionado con contratos realizados cando era consellera de Turismo. Esta renuncia ten lugar semanas despois de que o presidente Alberto Fabra manifestase que os políticos inmerso sen procesos xudiciais relacionados coa corrupción deberían abandonar  a vida  política. Así o fixo hai días Angélica Such, tamén parlamentaria autonómica e, no seu día, sucesora de Martínez como consellera de Turismo.
Mais, nesta retardada dimisión de Milagrosa Martínez hai quen albisca unha posible xogada de carácter dilatorio, como se non houbese xa dilación abonda neste amplo entramado. Dado que coa súa marcha (e a anterior de Angélica Such) xa non hai persoas aforadas na causa dos contratos en Fitur, o Tribunal Superior de Justicia de la Comunidad Valenciana pode recoñecerse sen competencias sobre o asunto e endosarlla a outro organismo, mesmo a Audiencia Nacional. En calquera caso son necesarias moitas dimisións como estas. A ver se toman nota por outros lares, nomeadamente os nosos.

Imparcialidade que se di

Te puede interesar