Calquera que sexa quen gañe as eleccións nos Estados Unidos, Biden ou Trump, todo amosa que non mudará a política exterior, máis alá das formas, aínda que se produzan certos cambios no interno, respecto da inmigración, medicare, pandemia, ecoloxía, xénero... Daquela que moitas persoas progresistas opten polos demócratas como mal menor, e outro tanto fagan gobernantes e organizacións no exterior. Na práctica ambos partidos queren manter a hexemonía dos Estados Unidos no mundo, daquela que se amplíe a intervención militar no exterior, malia os anuncios de Trump de saír de certos países.
Tanto demócratas como republicanos utilizan todas as escusas para descualificar e danar mediante feak-news e sancións a Rusia e China, para así frear o seu avance no eido militar e económico, e a consolidación dun mundo multipolar, no que Washington e as súas compañías perderían seus privilexios. Evidentemente axudan nesta dinámica a Unión Europea, Xapón e outras potencias rexionais que calan, ou protestan coa boca pequena, buscando tirar beneficios do espazo que Rusia, China, e outros países rebeldes se vexan obrigados a ceder.
As diferenzas entre demócratas e republicanos non están no modelo económico e social e en relación cos privilexios imperialistas de Washington. Senón en que os primeiros pensan que poden vencer nesta batalla sen rachar os circuítos comerciais globalizados actuais (nos que importantes empresas USA teñen un papel central). E Trump, e un sector do capital norteamericano, entenden que esta loita só se pode gañar illando a China e Rusia e outros países, golpeando así a súa capacidade produtiva e a centralidade que adquiriron en certos sectores.
Esta última folla de ruta, que en principio pretende ser transitoria, busca reproducir o escenario que terminou coa caída da URSS: excesivo gasto militar, illamento exterior no económico, alentar a oposición e conflitividade interna, e crear unha imaxe favorábel aos intereses occidentais no exterior. Agora ben, avanzouse tanto nesta dinámica, por parte de ambos partidos, con sancións e na confrontación dialéctica, que non será doado que os demócratas podan mudar a corto prazo a folla de ruta imposta por Trump, máxime cando entraron na disputa de quen mantiña unha actitude máis belixerante neste tema. Vivimos unha etapa con avances técnicos impresionantes, que poderían resolver as desigualdades entre nacións e entre clases, recuperar o equilibrio entre o ser humano e a natureza. Ren disto se debate e decide nas eleccións de Estados Unidos.