Apostas

agan xogo! É coma se vivísemos nun gran casino onde calquera cousa das que nos rodean semellara ser matéria de aposta. Podemos apostar por calquer tema que se nos ocorra e nesas andamos. Evidentemente isto non é cousa de agora porque desde sempre nos gustou xogar co azar porque somos partícipes da casualidade e por aí imos indo. Desde hai tempo o xogo das cartas con cartos polo medio era, e imaxino que segue a ser, frecuente. Tamén a xente xoga á lotería polo Nadal porque é cousa tradicional,  xogamos ás quinielas e máis recentemente á Primitiva, ás que se chaman apostas do Estado, e tamén bastante xente vai as salas de Bingo e aos casinos, é frecuente ver como alguns meten moedas nas máquinas tragaperras nos bares o neses establecementos chamados eufemísticamente “salas recreativas”, que xa é dicir. Todo isto trouxo verdadeiros quebracabezas a moitas famílias  que en brazos da ludopatía chegaron á ruína. Hoxe non é preciso desprazarse aos establecementos de apostas, arestora pódese xogar e apostar comodamente “on line” a través do noso ordenador ou teléfono móbil e as grandes empresas do xogo viron aquí o filón dos seus suculentos negocios. Observade nos instantes previos a unha retransmisión deportiva por televisión e reparade na cantidade de anuncios que exhortan a apostar antes e durante o evento. De nada vale recomendar que se xogue responsablemente o que quer dicir, imaxino, pensemos ben que facer antes de actuar. Todo iso está moi ben pero non serve de nada ou de ben pouco. A xente nova é a que máis uso fai do móbil e desde aí en calquera lugar e situación con só apretar un botón poden apostar ao que sexa. As empresas do xogo viron aí o seu particular “El Dorado” e desde as plataformas, televisivas sobre todo, animan a facer apostas. Están moitos millóns de euros en xogo e non fican dispostas a perder ración dese pastel do que  a maioría dos xogadores levan sempre a peor parte. É evidente que algo habería que lexislar ao respecto.¿Que só poden apostar os maiores de 18 anos? Non é certo. ¿Que o xogo por internet está ao alcance de todos? Verdade. As multinacionais das apostas encontraron nos clubs de fútbol un enorme escaparate e aí están os seus logotipos nas camisetas dos deportistas e invisten un montón de diñeiro na publicidade televisiva. O negócio vai vento en popa ata o punto de non reparar no soborno de futbolistas, e nesas andamos. Tamén poderíamos apostar coa politica de argumento. E polo camiño que imos, todo se andará.

Apostas

Te puede interesar