A tarde-noite, atemporalada e de total invernía, convidaba, máis que a nada, a ficar na casa. Non obstante, decidín acudir, como tiña previsto, á entrega dos premios do “Certame Nacional Galego de Narracións Breves ‘Modesto R. Figueiredo’”, que, como é sabido, convoca a Fundación do Pedrón de Ouro, institución á que teño a honra de pertecer. Xa que logo, por volta das sete, montei no auto e puxen rumbo á Picota, capital do Mazaricos, que desta volta correu coa organización do citado premio. Trátase da convocatoria de premios literarios galegos máis antiga de Galicia, pois vénse realizando ininterrompidamente desde 1976, ano en que “A enquisa”, de Xoán Ignacio Taibo -un descoñecido na altura- obtivera o primeiro premio do daquela denominado “1º Concurso de narracións curtas Pedrón de Ouro”. Desde entón a hoxe obtiveron galardóns unha moi boa parte dos escritores e escritoras galegas actuais máis coñecidos e recoñecidos. Nesta XLIV edición -á que concorreron 57 narracións- os premiados foron José Carou, Bibiana García Soto e Miguel Anxo Martínez Oubiña, que, sen dúbida, como tantos e tantas predecesoras, acadarán lugar senlleiro no noso mundo literario.