O sentimento relixioso na humanidade comezou na noite dos tempos. Hai miles de anos, cando aqueles primeiros humanos que nos precederon atravesaban por dificultades para eles descoñecidas e invencibles, o que acontecía a diario nas paraxes selváticas, empezaron a sentir dentro de si mesmos que algo ou alguén, aínda descoñecido e oculto, os puxera alí. E percibiríano como unha simple sensación de descoñecemento máis que como reflexión da que aínda non serían capaces. Para facérense esa pregunta contribuiría sen dúbida o eterno e indescifrable depósito medio bacío que todos levamos no máis íntimo do noso ser ao longo de toda a vida. Engadido ao medo a soidade e aos perigos cos que a diario se encontrarían. Así parecen confirmalo as repostas que aínda nos nosos días son habituais en persoas que, cando se ven moi afogadas, derivan por un de dous camiños: polo da petición de axuda á divindade ou polo da blasfemia contra da mesma. Con razón alguén dixo que a blasfemia era a pregaria do vencido. E non parece que a idea vaia moi desencamiñada. En calquera dos dous casos, a apelación a un poder descoñecido resulta ser para a maioría o derradeiro recurso que queda cando un chega ao límite da resistencia humana. O sentimento de soidade chega a ser para moitos, terrorífico. Só a fraternidade, a compañía, serve de alivio en calquera situación. Falamos de un pasado en algún aspecto remoto, porque actualmente o que definimos como “feito relixioso” é moi diferente. Agora a resposta son as relixións, varias e distintas, e en algúns casos lamentablemente enfrontadas “a morte”. ¿Como se explica? Teremos que ser conscientes de que nada humano pode ser perfecto de todo, ademais de caer na conta de que no mundo, realmente, máis que relixións existen persoas relixiosas. Deixando a un lado o misterio que todos levamos dentro, as relixións son enteiramente obras humanas. Por esta razón non debería causar sorpresa que tamén no ámbito das relixións podan existir fallos, máis que incomprensibles, terriblemente inhumanos. Certo que nunhas máis que noutras. Destaca actualmente a violencia brutal e a falta de respecto á vida na rama yihadista da relixión musulmá que estamos a ver no oriente medio. Pero aínda sen chegar este extremo en todas existe a necesidade de corrección e de cambios. Continuará na próxima entrega.