MÁIS CASAS E MÁIS VIVENDAS

Mentres as aldeas galegas desaparecen engulidas polas silva e toxos, temos á vista outra nova lei de vivenda, por se non son poucas as que existen a medio construír, acabadas e deshabitadas. Parece que os gobernantes deste territorio non son quen de habilitar un sistema económico perdurable e estable, que non sexa outro que edificar e vender casas para que calquera galaico posúa cando menos tres. Xa non será un dereito constitucional o de ter un teito baixo o cal fritir patacas, o futuro Estatuto de autonomía, se é que o chega a haber, contemplará que non haxa galaico sen cando menos un piso, un chalé e unha casa na aldea a non menos de trescentos metros dunha piscina e a seiscentos dun campo de golf.

Habendo tantas aldeas abandonadas os comandantes galaicos deberían de pensar máis na rehabilitación e, como din, poñer en valor os centos de núcleos de casas que sucumben baixo a natureza exuberante dos montes autóctonos, aínda que sexa para que veñan os alemáns a facer albergues de peregrinos ou casa de turismo rural ou restaurantes de tortilla e ensalada rusa con chourizos de cantimpalo.

Cando os bancos tiñan miles de euros para prestar, a Administración galaica repartía subvencións a calquera, o máis fácil era converterse en promotor

 

A industria e a innovación no entran nos deseños futuros nin baixo a denominación de planos quinquenais ou de desenvolvemento. Non é rendible electoralmente o establecemento dunhas bases sólidas industriais que darán resultado fóra dos períodos de chamamento ás urnas. A pouco que se pense, a maioría da produción técnica e de enxeñaría que dispoñen os galaicos está asentada desde o franquismo, salvo poucas excepcións o que temos de tecido produtivo quedou desde a ditatura na paisaxe baixo grandes guindastres e chemineas visibles nas entradas das principais cidades.

Cando os bancos tiñan miles de euros para prestar, a Administración galaica repartía subvencións a calquera que pasaba por alí, o máis fácil era converterse en promotor. Habería que saber as cifras de diñeiro que saíu desde as caixas fortes das entidades financeiras para a creación de industria e que non fose unha minicentral nun regato ou un muíño de vento. Pensemos que un inxenuo empresario cunha idea interesante fose por una sucursal a pedir un crédito para unha factoría de rodamentos pneumáticos. O máis probable é que abandonase a oficina convertido en contratista e coa metade dos cartos investidos en participacións preferentes e cotas participativas.

Pero seguimos nas mesmas, a creación de riqueza pasa polo cemento e o azulexo, que nin sequera se fabrican por aquí. Cantas leis de vivenda, edificios ou similares saíron do Parlamento en comparación con outras de impulso á produción industrial ou técnica? Aí esta o diario oficial. En descargo, e xa postos, hai que consolarse que se as subvencións van para emprendedores como o de Nuppel, mellor que se destinen a pintar de patente os pesqueiros, polo menos son de manufactura galaica.

MÁIS CASAS E MÁIS VIVENDAS

Te puede interesar