Sempre me considerei urbanícola total. Adoro as cidades e as paisaxes urbanas e gusto inmenso das grandes urbes, onde sempre me atopei a vontade. Teño a impresión, non obstante, que nalgunhas das que coñezo bastante, por ter morado certo tempo nelas ou por ter estado en numerosas ocasións, se cadra, non me resultaría cómodo de todo vivir permanentemente, máxime se non teñen mar.
Mais esta miña preferencia clara polo mundo urbano non me impide, en absoluto, gozar de cheo coas paisaxes naturais. Sobre todo, se estes espazos son verdadeiramente naturais como o eran aqueles dos que nos fala Rosalía no reivindicativo prólogo dos seus “Cantares Gallegos”: “esta Galicia donde todo é espontáneo na natureza e en donde a man do home cede o seu posto á man de Dios”.
Xa quixeramos que a actual paisaxe da maior parte do noso país tivese algo que ver con esa natural espontaneidade para seguir podendo dicir coas palabras da nosa grande poeta que: “Galicia é sempre un xardín donde se respiran aromas puros, frescura e poesía...”. Mais, por desgraza, a beleza natural do espontáneo xardín mudou, pola man do home, nun inmenso, monótono e feo eucaliptal. Só quedan pequenos oasis de beleza sen par, como o que descubrín hai quince días na vila de Vilalba.
Unha fermosísima mañá de outono recibiunos á beira do río Magdalena, ao pé do muíño do Rañego, lugar de arranque da camiñada dos doce hectómetros que cumpría percorrer para nos achegar ao punto onde se inauguraba o monumento homenaxe aos cantores Mini e Mero obra do escultor Valdi con debuxos de María Guerrero. O Paseo dos Soños, así denominado, pola Irmandade Manuel María e a Agrupación Cultural Xermolos, engadía unha nova peza escultórica, a décimo segunda, ao conxunto inaugurado en 2006 coa dedicada ao escritor Paco Martín.
Malia que a maior parte dos homenaxeados en anos anteriores son persoas ás que aprecio e admiro e coas que teño trato cordial, nunca me cadrara achegarme ao paseo fluvial vilalbés e gozar a un tempo do delicioso lugar e mais da palabra precisa de homenaxeados e asistentes.
Moito é o que Mini e Mero teñen aportado á cultura galega ao longo dunha dilatada carreira musical de máis de catro décadas. Anos de traballo de descuberta, de estudo, de creación, de interpretación, de concienciación, de defensa dos valores esenciais do ser humano, das raíces, da cultura, do idioma.
Constante e impagable labor que se lles quixo recoñecer hai uns días no vilalbés Paseo dos Soños, lugar para desfrutar da verdadeira paisaxe da nosa terra. Máis que merecida e xusta homenaxe á que quixen sumarme coa miña presenza.