Don Paco da Mercé (Humanismo sanitario)

Por motivo de saúde ando a reparar goteiras. Sobre da saúde xa dicía Lucio Séneca, filósofo e escritor hispanoromano que “unha parte importante da curación consistía en querer ser curado”.
Tamén o doutor José de Letamendi, catedrático de anatomía e patoloxía xeral dicía que, “o médico que non é filósofo, non é nin sequera médico”…
Don Francisco Cebreiro Barros, coñecido cariñosamente como “o médico dos pobres”, dicía que “ós enfermos non só vale preguntarlles que lles doi co petelo baixo. Hai que mirarlles á cara, tratalos con humanidade e sanalos o mellor que se sabe e pode”.
Don Paco practicou sempre a filosofía voltairiana: A arte da medicina consiste en manter ó paciente en bo estado de ánimo, mentres a Natureza o vai curando.
Certo é que a medicina avanzou moito nos últimos anos. Á ciencia e ós investigadores, gracias. Certo tamén que ciencia e humanismo teñen que camiñar parellos, e a poder ser da man.
Recentemente estanse incorporando, tanto na púbrica como na privada novas xeneracións de persoal sanitario que están a facer un encomiable labor, tratando ó enfermo coma a unha persoa que é, humanamente, con xenerosidade, demostrando ser persoas intelixentes, ben formadas, educadas e respectuosas.
Esto non quer dicir que a maioría dos veteranos non o sexan. Si que o son. Dou fe.
Acudimos ós médicos para que nos sanen das enfermidades, cando menos para que nos alivien a dolor. Xa nos gustaría que nos salvaran da morte, pero iso non lle lo imos pedir. Sen dúbida sinto un gran respecto polos médicos e unha gran admiración pola medicina e pola ciencia…
Hai poucos días o concello de Neda rendiulle merecida homenaxe –coincidindo co 40 cabodano da súa morte– a “don Paco da Mercé o médico dos pobres”, anque, tal lle teño oído a el, era o médico de cantas persoas acudían a súa consulta no pazo da Mercé, beiraribeira de Neda, ou que o chamaran para unha asistencia a domicilio.
O doutor Cebreiro nace una rúa Madalena de Ferrol no ano 1895 e morre en Neda no 1977. Tomou posición da súa praza de Médico de Asistencia Púbrica Domiciliaria no ano 1949, no concello de Neda.
Pronto deixou a púbrica para dedicarse á privada. Dicía que a atención ós enfermos era moito máis que pasarlles un vistazo. Non lle gustaban as presas cando de observar e sanar a un paciente se trataba.
Cobraba entre 15 e 25 pts., cando outros médicos consultaban por elevadas cantidades ás que os pobres non podían chegar. Para nada era egoísta. Dicía que para el e para a súa dona, que non anvicionaban riquezas, ben lles chegaba.
Incluso en casos de gran necesidade non cobraba ren, dándolles diñeiro para mercar as menciñas e para comer.
Don Paco da Mercé era un médico “todoterreo”, tanto extraía unha peza dental, como curaba a un ferido, compoñía unha rotura de ósos, facía pequenas intervencións cirúrxicas, asistía a un enfermo ou a un parto a domicilio.
Persoa moi comprometida coa sociedade, a xente tiña moita fe nel. Preocupado pola medicina e o medio ambiente, asistía a reunións con outros colegas e recibía no seu domicilio revistas e outras informacións do exterior para estar ó día. De gran enteireza humana atendía a calquera persoa que o necesitaba.
A título póstumo, o Ministerio de S.S. concedeulle a Medalla ó Mérito de Beneficiencia, e no 1982 o concello de Neda recórdao cunha fermosa escultura obra do artista ferrolán X.X. Braxe e cunha avenida que leva o seu nome.
Puido ser rico / e non quixo. / Trocou poder por pobreza / e liberdá por cadea. / Deixou tras de si / bafos de bondade e sabedoría. / Descansa en paz / fidalgo da medicina / irmán nobre / home de fe / que deches todo / por todos / dende o pazo da Mercé.
 

Don Paco da Mercé (Humanismo sanitario)

Te puede interesar