Día Internacional da Muller

O domingo pasado conmemorouse o día internacional da muller e por esta razón quixera hoxe - nunca é tarde - sumarme a cantos buscan con interese a chegada da igualdade social de dereitos para mulleres e homes. Os seres humanos somos moi lentos e tardos  en corrixir os erros e precisamos de toda a vida para formarnos. Con todo as limitacións non se superan aprendendo de memoria conceptos que de pouco nos valen se non se traducen en vida práctica. Somos animais de hábitos fixos e formámonos mellor participando e actuando na sociedade. Compróbase ben no que está a pasar co problema da discriminación das mulleres que non somos capaces de corrixir. Dada a situación, se queremos facer algo positivo, o primeiro paso debería consistir e pedirlles perdón a todas en xeral, e singularmente á aquelas que máis sufriron e sofren as graves consecuencias de esta discriminación. Os homes deberiamos sentirnos culpables de non ter caído na conta de esta inxustiza que dura toda a historia. Pero pasamos de largo culpando a herdanza xenética e a formación misóxina que recibimos nos fogares e nos colexios, sen recoñecer que pouco ou nada puxemos da nosa parte. Para que a situación cambie é necesario colaborar: Os homes espertando e caendo na conta de que admitir que a sociedade é machista non nos rebaixa - ser varón non equivale a ser matón - senón que nos ennobrece. E as mulleres esforzándose para que nas familias e nos colexios se trate con maior interese a educación en igualdade para as nenas e, sobre todo, pra os nenos.  Acercarse á realidade concreta pode convencernos mellor que moitas palabras. Porque son evidentes e sangrantes as inxustizas que aínda actualmente deben soportar moitas mulleres. Debemos ser conscientes de que a cultura recibida en herdanza está pesando moito e require vontade e esforzos para cambiala. Toda a construción do pensamento está contaminado de machismo. As ciencias, as humanidades, a filosofía e a teoloxía viñéronse elaborando e construíndo baixo o mando e o interese exclusivo dos homes. A nosa sociedade está fabricada desde a desigualdade na que as mulleres resultaron sempre discriminadas. Todo, os libros, os xogos, o cine, a T.V a cultura veuse transmitindo sen evolucionar mamada na familia e continuando pola ensinanza escolar. Actualmente, na vida laboral os salarios das mulleres están o 24% por debaixo do dos homes, e en canto á violencia machista, nun destes anos pasados morreron asasinadas polas súas parellas 59 mulleres.

 

Día Internacional da Muller

Te puede interesar