Nicolás

Escribo estas liñas, case baixando do coche, de volta de Santander. Fun á capital cántabra para coñecer un neno, case un sobriño-neto, porque o cativiño vén sendo neto de Carlos Martí, grande amigo de vello, como quen di un auténtico e querido irmán. Xa ía sendo hora de coñecelo, pois anda xa polos dez meses. Mais, a miúdo, as cousas non saen como a un lle gustaría e fíxose difícil combinar unha data para poder coincidir cos pais e cos avós maternos da criatura, habaneros todos de nación e de corazón. E a situación económica de Cuba, tristemente, non está para moitas alegrías. O “simpático” señor Trump non parece estar moito polo labor de poñer as cousas fáciles para a súa mellora. Carlos está xubilado, dedicado a escribir e a impartir cursos e conferencias onde se lle presenten ocasións. Mais Ana María, a avoa, de momento, segue en activo, con clases na Universidade da Habana, mais tamén en universidades de diferentes países. Acaba de estar impartindo docencia en Colombia e Panamá. A máis estable, xeograficamente falando, nestes momentos é a nai do chaval, profesora universitaria en Santander. En fin, que o coñecemento físico de Nicolás se retrasou ben máis do desexable. Mais xa está. É un rapaz bonito e espilido co que fixen boas migas. Aproveitei a estancia na capital de Cantabria para achegarme ao Centro Botín, que non coñecía nin por fóra, dado que a miña anterior visita, hai un par de meses, fora nocturna, case para pernoctar camiño de Bilbao. Gustei do edificio de Renzo Piano, tanto polos volumes en si mesmos, como pola adecuación ao lugar que ocupa. Con todo, quédome co edificio do Pompidou, a outra construción do arquitecto italiano que teño visto. O interior, lembra, como non, a do centro de arte parisino. En moi pequeno, iso si. A última vez que estiven no Porto, aló polo mes de maio, tiña interese en ver a obra de Julie Mehretu no Museo Serralves, mais finalmente non puidera ir e quedei coas ganas. Mais, desta volta, e sorpresivamente, porque non sabía que estaba no Centro Botín, puiden ver unha excelente e moi completa exposición da artista etíope residente en Nova Iorque. Obras de diferentes anos que nos dan unha magnífica idea da súa traxectoria. Gocei particularmente do cadro titulado “Venice”, colgado en solitario nunha estancia con ampla vista ao mar da baía. A exposición vai permanecer ata o 25 de febreiro. Se lles cadrase andar por alí, xa saben. Aínda que a visita ao Centro non me pareceu, precisamente, barata para o que ofrece.
 

Nicolás

Te puede interesar