Agardando

Fronte ao que lle aconteceu a algunha xente que coñezo -e supoño que a moita máis da que nada sei-, non me sorprendeu nadiña de nada a sentencia ditada o pasado xoves polo Tribunal de Xusticia da Unión Europea na que recoñece que Oriol Junqueras debeu ter sido recoñecido como eurodeputado desde a proclamación oficial dos resultados das eleccións ao Parlamento europeo. Entre eses sorprendidos -e isto si que me produce sorpresa- está tamén, ao que parece, a Sala Segunda do Tribunal Supremo, que, como é sabido, foi a que xulgou e condenou ao político catalán agora recoñecido como parlamentario europeo.

E digo que non me produciu sorpresa maior esta sentencia -malia que gusto e acredito moi pouco nesta Unión Europea- porque entendo que cae de caixón que nunha democracia é o pobo, co seu voto, quen ten que elixir os seus representantes, como lembro que xa dixen nesta columna en máis dunha ocasión. Sen esquecermos que, previamente a cada elección, son as correspondentes xuntas electorais –ou como se denominen en cada lugar– as que se ocupan de analizar se os candidatos cumpren a lexislación esixida para poder selo. Unha vez superado este obrigado trámite, todo o que se pida despois o único que fai, ao meu entender, é desvirtuar o proceso democrático. Se somos cidadáns ou cidadás cos nosos plenos dereitos recoñecidos -quen os teña suspendidos xa non pode candidatarse- para que máis? Ou é que prometer ou xurar acatamento e fidelidade a calquera texto nos converte automaticamente en demócratas de toda a vida e da mellor condición? Cando vexo cousas desas sempre recordo cando para poder ser profesor tiven que xurar -nada de prometer- fidelidade aos daquela vixentes Principios fundamentales del movimiento, que eran, non esquezamos, “inmutables”, tal como logo se viu. Obviamente, aínda que nada cría de todo aquilo, para poder traballar fixen o preceptivo xuramento. Era unha imposición propia da ditadura que, naturalmente, non me convertía en antidemócrata nin nada semellante.

O que xa non teño moi claro é o que vai a acontecer a partir de agora. Tanto con Junqueras como con Puigdemont e Comin, que xa obtiveron a acreditación provisional de eurodeputados, e coas negociacións para a investidura presidencial. A dirección de ERC xa fixo saber que non seguirían negociando mentres a Avogacía Xeral do Estado non se pronuncie sobre a citada sentencia da xustiza europea, pronunciamento que, en boa lóxica, non ten por que coincidir co do Tribunal Supremo. O partido catalán está de congreso esta fin de semana e o que aí se decida vai ser crucial. Agardemos, pois. 

Agardando

Te puede interesar