DE FILGUEIRA VALVERDE E CARVALHO CALERO

Seguín con atención a entrevista televisiva que hai uns días lle fixo a xornalista Fernanda Tabarés ó presidente da Real Academia Galega, don Xesús Alonso Montero. Algún dos temas abordados tróuxome á mente cousas que, como persoa con décadas de relación coa cultura galega, en ocasións teñen suscitado o meu interese. Así o da figura eleita, desde 1963, para homenaxear cada ano ó redor do 17 de maio. Na miña opinión, o profesor Alonso Montero soubo situar moi atinadamente a figura de don Xosé Fernando Filgueira Valverde no seu xusto lugar nos diferentes períodos que lle tocou vivir ó longo dos seus case que noventa anos de existencia. Entendo que é sabido que, desde que tal circunstancia se fixo posible –ter transcorrido cando menos dez anos desde o falecemento–, sempre fixen campaña, se así se quixer entender, para que a personalidade escollida pola Academia fose don Ricardo Carvalho Calero. Especialmente no último ano, en que me movín, acompañando algunhas significadas persoas da nosa zona, na procura de apoios para reclamar a dedicación das Letras Galegas para este noso distinto conterráneo. E estou convencido de que hai que continuar este labor no presente ano, no que, a maiores, se cumpren vintecinco anos do pasamento do mestre. Non obstante, estou tamén convencido de que a decisión académica de facer caso omiso das nosas razonadas e sopesadas demandas e de elixir outra figura, outro vulto, como din os irmáns portugueses, non pode mover ó lanzamento de diatribas de diferente signo contra a persoa nominada, que ningunha culpa, como é obvio, pode ter nesta historia. De haber culpables, estes non poden ser outros que os académicos. Coñecín persoalmente o profesor Filgueira Valverde hai uns corenta anos, a mediados dos anos setenta, cando iniciei as innúmeras horas de traballo investigador que pasei nas dependencias da magnífica biblioteca, hemeroteca e arquivo do Museo Provincial de Pontevedra, que nesa altura dirixía don José, como lle chamaba todo o persoal. Por iniciativa do profesor Carvalho, director do Departamento no que eu traballaba e da tese de doutoramento que estaba empezando a elaborar, levaba unha carta súa, na que, supoño, lle solicitaba ó vello amigo que me atendese do mellor xeito posible. E debo recoñecer que sempre así me sentín tratado naquela docta casa. Téñase en conta que eu era un mozo de vinte e algo anos e que lucía longos cabelos e barbas. O meu look  era dos que, sen sabermos moi ben por que, se prestan para que alegremente un poida ser abordado por sospeitoso de algo. Son eses criterios que agora nos queren impor señores como Rajoy, Fernández Díaz e outros da mesma corda ou parecida. Por que, por exemplo, nunca son sospeitosas pintas como as dos tesoreiros do PP? Desde aquela a hoxe, teño batido con cantidade de xente pontevedresa que, durante os seus anos escolares de bacharelato, desenvolveu labores como bolseiro no Museo e sempre escoitei dela palabras gabanciosas da persoa do director Filgueira. E coñézoa de moi diferentes ideoloxías. Ningunha desas persoas é precisamente fascista, esa denominación que, por desgraza, escoitamos aplicarlle a don Xosé Filgueira. E non quixera esquecer un detalle que, malia que entendo que non é nimio, non se adoita escoitar habitualmente como é que nos últimos anos do franquismo, concretamente en 1972, ano de triste recordo na nosa comarca, don Ricardo Carvalho Calero obtivo a Cátedra –a primeira que houbo en Galicia– de Lingüística e Literatura Galegas da Universidade de Santiago, perante un tribunal de “magnánimos varones” –como os denominou cando finalizaron os exercicios– presidido polo doutor Filgueira Valverde. Aínda que o tango diga que vinte anos non é nada, moita xente cremos firmemente que quince –os transcorridos desde que a figura do doutor Carvalho pode ser elixida par homenaxear o 17 de maio– son máis que abondos para que tal circunstancia poida ter lugar. Tan obxectiva como modestamente, penso e digo claramente que, sen deixar de recoñecerlles valores a todos e a cada un dos quince ou dezaseis últimos galardonados, os méritos de don Ricardo Carvalho Calero, nado na nosa rúa de San Francisco, poden equipararse ós dos mellores destes.

DE FILGUEIRA VALVERDE E CARVALHO CALERO

Te puede interesar