Olga en Neda

sempre me resulta moi pracenteiro acudir a determinados actos á vila de Neda, localidade, e concello no seu conxunto, que de sempre levo no meu corazón. E non só porque os meus devanceiros do Barro fosen de Santa María, que o eran. Hai tamén moitas horas felices alí vividas nos anos da adolescencia, esa etapa tan dura que nos toca superar a todos e todas. Antonte mesmo volvín vivir momentos deses que moito lle prestan a un na Casa das Palmeiras, na presentación de máis un número, o terceiro, de Olga / Revista de Poesía Galega en Madrid, monográfico titulado “Donas vintecatro”. Antes de máis nada, dicir que o acto tivo a extensión temporal adecuada. Teño asistido a ben deles que podendo ter sido excelsos -pois era o camiño que levaban- acabaron coa xente bufando e/ou marchando por mor dos excesos de oratoria e de incontinencia verbal. Este acto cultural de Neda non pecou de nada diso. Foi correctísimo en todo. Moi atinadas e xustas as palabras dos responsables da publicación –Vicente Araguas, Manolo Pereira e Rafa Yáñez– e fantásticos os versos na voz das poetas: Medos Romero e Eva Veiga. Que nivel! Iso abondaba para marchar do máis contentos para casa, ou para onde for. Mais, se lle engadimos eses minutos de conversa, ao remate do acto, con queridos amigos e amigas de vello nin que dicir ten que a cousa aínda acabou mellor. 
Para min, tan foi así que, antes de me deitar, aínda lle dediquei un tempo á lectura dos 48 poemas que conforman este número de Olga dedicado á excelente poesía que andan a facer as escritoras galegas, desde as máis veteranas –en idade e/ou oficio– ata as máis novas, que aínda non cumpriron os trinta. Non teño dúbida ningunha de que esta publicación vai ficar como un fito importante da nosa historia literaria. O primeiro, porque non é verdadeiramente doado xuntar tanto,  tan ben e con tanta elegancia como a que desprenden as páxinas de Olga. Porque entendo que os versos, se cadrar, se agrandan ao contacto coas imaxes, coas fotografías de Manuel Pereira. 
En definitiva, concluír afirmando que estamos perante unha publicación que compre ler e conservar en lugar preferente. Para volver a ela, naturalmente.

Olga en Neda

Te puede interesar