Creo sinceramente que Ferrol paga a pena como cidade, como lugar para vivir malia levar anos pelexando coa destrución de emprego, co peche sistemático de comercios e cun censo de poboación que vai cada vez a menos, causas negativas e suficientes para metérmonos no desacougo, en andar coa cabeza gacha asumindo con resignación este presente mirando a un futuro incerto. Todo isto non nos sorprende porque xa estamos acostumados a vivir neste estado de frustración, pero eu son dos que cre que Ferrol ten solución. ¿Que peco de optimismo? Pode.
O tema do emprego é fundamental e hai que ir na procura de poñer en marcha todo o necesario para vender unha cidade cómoda polo seu tamaño, pola súa situación, e porqué non tamén, pola súa historia que a ten e moita. Os que rexen os seu destino deben por toda a carne no asador.
Respecto a isto debo dicir tamén que gobernar non é doado pero se fósemos todos a unha, se nos empeñaramos en gobernar para ben da cidadanía, as cousas poderían ir mellor. Coa vontade debida, co consenso necesario, as dificultades minimízanse: antepoñer o beneficio xeral diante das consignas partidistas podería ser unha boa maneira de emprender o camiño cara adiante. Opoñerse non significa só dicir que non, comprende tamén aportar solucións, ideas e poder debatelas reflexivamente. Si, xa sei que me estou aproximando a “Alicia no pais das marabillas” e non era esa a miña intención: si poñer no punto de mira á cidade para ver de facela máis atractiva do que é.
Poñer máis agradable a cidade e unha das encomendas dos que a gobernan. ¿Destes un paseo por Ferrol? ¿Vistes o estado dalgunhas rúas? A praza Do Callao hai pouco que foi reparada e hoxe está outra vez chea de fochancas, a Rubalcaba tres cartos do mesmo e poderíamos seguir paseando. Quizá non sexa desleixo polos que terían que preocuparse disto, o mesmo corren augas subterráneas que provocan o afundimento das rúas, ou algo semellante, vaian a saber. En calquera caso non é este o estado dunha cidade que aspira a ser candidata a Patrimonio da Humanidade, unha cidade do século XXVIII que ten que avanzar e non ancorarse no mil oitocentos. Probablemente non pasaría a proba do algodón e non é suficiente ser a eterna aspirante.
Pero a cidade non sería nada sen a súa cidadanía. ¿Cre esta na posibilidade do rexurdimento? Eu apúntome ao grupo dos que pensan que si.