PAUS

¡Aí veñen os ostiarios!”, berraba con retranca don Carlos Alonso del Real, aquel catedrático de Prehistoria que alcendía coa súa presencia a Universidade de Santiago, cando mostraban a gaita os “grises”. Un ostiario, así, con “o”, como se sabe, é un clérigo menor encarregado, entre outras cousas, de abrir e pechar as portas dos templos. Os que se armaban coas “defensas regulamentarias” viñan despexar aqueles recintos universitarios, onde nos amoreabamos con expresión numantina (ou meduliana) termando de bandeiras utópicas.

Ou tal semellaba daquela, cando as malleiras (non notabas os golpes no momento, o corpo contraíase diante dos porrazos, mais ao día seguinte todo eran mazaduras) respostaban aos berros inxenuos (eramos ben pimpíns) de: “Libros, si, porras, no!”, ou “¡Universidade para os vosos fillos!”. A utopía democrática pola que loitabamos acabou chegando. Mellorable, por suposto, mais democracia a que estamos a vivir desde a morte do dictador.

Por iso semella duro de crer (mais por aí están as imaxes, tamén as duras declaracións de algún xerifalte) o acontecido en Valencia. Cando se repetiron escenas de violencia contra estudantes. Algúns auténticos rapazolos. “¡Que vivan los estudiantes, jardín de las alegrías! Son aves que no se asustan de animal ni policía.” Cantaba Violeta Parra nunha canción “de tendencia”, marabillosa como súa, chamada “Me gustan los estudiantes”. A mín, tamén.

PAUS

Te puede interesar