Revolvendo re-atopei un compacto que foi moi importante no devir do grupo folk Berrogüetto, aquel que conmemoraba os seus dez anos de andainas e publicado no dous mil seis. Era, tamén, un disco de consolidación de Guadi Galego como voz e, dende aquela, a teño sempre presente entre os meus gustos musicais. É certo que tamén son máis de grupos e voces que de estilos.
Son dos que cren que hai unha complicidade cos músicos, e que cando unha obra chega ás mans do público, é propiedade das dúas partes.
Así, ocorreu que durante un tempo estiven “enfadado” porque a primeira canción deste disco, “Xente”, foi cedida para unha campaña electoral (aínda que considero esencial o compromiso dos nosos artistas). Tardei un tempo en reapropiarme do “Xente”. E estes días volve a soarme, porque é “xente que namora, diferente, intelixente, xente divertida e que non se vende”.