Fútbol é fútbol

Famosa sentenza de Vijadin Boskov, un xenio do fútbol e da pluma, que tanto a poderiamos traducir por Totus Revolutum como por viva Cartagena. Quer dicir que todo cabe nesta expresión que xa está nos anais do chamado deporte rei, non sei eu si o rei dos deportes. Todo é posible no seu entorno e si non vexan o que está a ocorrer estes días. 
A dimisión de Zidane despois de gañar a copa de Europa e a destitución de Julen Lopetegui a punto de comenzar o campionato do mundo, por non falar das pretensións indecentemente multimillonarias do CR, un home que acada máis cartos nunha semana que un mileurista en toda a súa vida, se non o creen, fagan contas. Segredo non hai ningún, detrás deste pandemonio está presente Don Diñeiro coa súa unidade de medida que é o millón de euros.
Despois do gran culebrón desatado o xoves 14, produto dun calentón por parte dos máximos dirixentes da cousa, asistín á presentación na TV do novo adestrador do todopoderoso Real Madrid, o ex da selección española. 
Falou primeiro o Florentino con moi estudadas, serenas e ao mesmo tempo duras críticas ao presidente da Federación Luis Rubiales. A continuación fíxoo con moi sentidas e medidas verbas, o novo adestrador ao parecer presunta vítima dunha decisión precipitada que lle custou o posto de seleccionador nacional. Unhas bágoas oportunas acabaron de convencer aos asistentes que romperon en aplausos a prol dos dous protagonistas, segundo eles inocentes dos cargos que se lles apoñen.
Agora, en boa praxe democrática, faise necesaria a presenza na TV do presidente da RFEF contando de cara ao público a súa versión. 
Neste momento despois de ouvir a FP e a JL, mentres non se demostre o contrario, el é o principal culpable de tan lamentables feitos. De momento quen está a perder son as institucións e con elas o país enteiro, dando unha imaxe de falta de seriedade e de preparación para gobernar, uns e outros, as máximas instancias do fútbol nacional.
Unha seria investigación deberá descubrir, os verdadeiros culpábeis desta desfeita, que loxicamente teñen que dimitir, ou ser cesados fulminantemente dos seus cargos. 
Eu adianto un claro culpábel que é como sempre Don Diñeiro porque fútbol é fútbol sen dúbida, e está moi ben iso da fidelidade a uns cores pero como dicía un de Vilalba, en frase que tamén pasou a historia, a vaquiña polo que vale.

Fútbol é fútbol

Te puede interesar