Reinvindicando o feísmo

Nunha ocasión embarateime nun paseo a cabalo pola montaña de Cerdido cunha amazona estadounidense como guía. A medida que transcorría a manada e medraba a confianza, a muller preguntou se toda España estaba cuberta de eucaliptos. Loxicamente comuniqueille que do conxunto do estado non sabía nada, pero que a totalidade do terreo galaico si estaba inzado das árbores australianas. Houbo algún da reata que me chamou á atención por dicir tal disparate, pero respondín que era mellor saber da vida daquela cabaleira que estarlle explicando a flora galiciana.

O caso foi que paseando entre a foresta eucaliptosa, subindo e baixando balados, trotando polos camiños dos madereiros apareceron moitos elementos típicos da paisaxe galega, como o somier empregado de cancela ou unha bañeira reutilizada en pía para animais, alén de outros elementos que calquera pode imaxinar. Porén, a amazona chegada dos Estados Unidos e que estaba de bolseira no picadeiro aquel non reparou en ningún daqueles elementos, só lle importaba saber a orixe e extensión da iniciativa arbórea traída por frei Rosendo Savado.

Non hai máis que preguntarse, se é máis galaico o eucalipto ou a reutilización de mobiliario doméstico para decorar or xardíns? A resposta é simple, as dúas son tan autóctonas como a Derbi Variant, a sesión vermú ou un gaiteiro con acompañamento pirotécnico. Simplemente os naturais de por aquí adáptanse á contorna, mimetízanse coa paisaxe, como levamos facendo en tantos séculos.
De vez en cando hai campañas contra o feísmo que vén sendo como un ataque á idiosincrasia galaica, como que lle di a un pobre que debe vivir como un rico. Non hai que esquecer que quen come só patacas será porque non ten diñeiro para carne, máis ou menos como aquel familiar listo que cando vén pola casa non fai máis que dicir “eu de ti facía isto e aquilo”. Xa. 

Cada un pode realizar o que está ao alcance das súas posibilidades, e os galaicos temos poucas.É moi doado proclamar que somos poucos galegos e que temos que ser máis, pero tampouco se entende que sendo de poboación reducida vivamos tan mal en vez de ter un estado de benestar verdadeiro, onde os servizos básicos estean cubertos e non haxa que recorrer a un váter como maceteiro.

Reinvindicando o feísmo

Te puede interesar