Votos e rebotes

Semelle escampar.
Ducias de voitres
voan cara ó solpor.
Con eles, a noite
do esquecemento.

Non teman. A clase traballadora seguiremos facendo calos nas mans para lles facer máis levadeira a vida ós ricos. Bo proveito
Dicía Thomas Fuller que “quen moito promete, moito esquece”, e Giuseppe Mazzini que “as promesas son esquecidas polos gobernantes, pero non polo pobo”.
Nada custa prometer. Ó remate da lexislatura o vento do esquecemento levou as promesas e a esperanza dos inxenuos cidadáns.
“Bajaremos los impuestos” (D. Mariano, Presidente en precario). Outra vez o señor Rajoy interpretando o conto da leiteira, como en cada campaña electoral. 
Como el di, “los españoles somos muy españoles y mucho españoles”. Pero non parvos. Só cremos no que vemos e na situación en que cada quen vivimos durante o seu mandato. 
Nada positivo, a non ser para eles e para os seus amigos empresarios, entre eles os banqueiros e todos aqueles que co lema “Todo por la Patria” cotizan ó fisco en paraísos fiscais. Eso si que é defender o país. En cada cita electoral prometen o ouro do mouro, mouro incluído, sabendo que non cumprirán. Incluso que non está dentro do sue ideario político. 
A pesar dos informes trucados do goberno sobre do paro (é unha perversidade presumir) segue sendo insostible. A precariedade laboral, os contratos miserentos e vergonzantes, a inestable economía e seguridade cidadá, o paulatino deterioro da Caixa de Pensións, Sanidade, Ensino, a galopante sangría da emigración, a corrupción organizada e os fraudes dende as institucións, as mentiras e as parvadas coas que a cotío nos alegran a vida para que comunguemos con pedras de muíño, pensando que somos “gilis”.
Xa non falemos dos obsequios “bombón de estío” nestas eleccións, e do medo “que viene el lobo”, sabendo que non vén; xa está instalado en comodas goridas-búnker das Institucións do Estado con tarxetas black, portas xiratorias en todas as direccións e un sinfín de indecentes e vergonzantes privilexios e prevendas que non queren tirar pola borda dun navío, que leva xa tempo metendo auga na sala de máquinas. Aínda que seguiremos achicando para que non afunda.
O clima político está revolto, inestable. Os novos salarios quedan reducidos case que ó 50% dos de fai poucos anos. Un de cada sete traballadores é pobre e a moitos milleiros non lles chega para os gastos máis imprescindibles.
A desigualdade avanza a zancadas de xigante. A demagoxía dos gobernantes, a pesar dos poucos logros, aflora para prometer e presumir do que din fixeron, que a gran maioría nin vemos nin notamos. 
A campaña electoral, puro marketing. Ninguén fala do que lle interesa ó pobo. Dos grandes e graves problemas do país. Da crise política, da crise institucional e por suposto da económica.
Con que intención foron elaborados os videos e as mensaxes electorais? Parvadas, estupideces, chorradas. Como tiran polo chan o diñeiro de todos! Pensarán que somos bobos ou marcianos; que agardamos estes últimos días para saber con que bois aramos, as pedras que erguemos nos últimos anos en cada aradura e o fertilizante que debemos botar á terra para recoller mellores anadas. 
Non pensarán as señoras e os señores políticos e os seus técnicos asesores en compra venta de votos que tanto estrullaron os miolos para intentar levarnos ó seu rego, que aínda estamos no 1916? Pois xa pasaron cen anos e a clase traballadora non estamos dispostos a sermos escravos para que os ricos sexan máis ricos. Moitos millóns de persoas deste país vemos que a desigualdade chegou ó limite. 
Seino, amigo Sidre; estamos cansos de tanto vacile. Aínda que, como ben dis, non todos son iguais, nin imos aceptar o tan interesado refrán da dereita: “Vale máis o malo coñecido, que o bo por coñecer”. Non. Os malos a cumprir a penitencia, cando menos por varias lexislaturas. Ou a perpetuidade.
Seguiremos procurando a harmonía. Por que non, as apertas colectivas? Tan pronto amaine o temporal (que amainará), abriremos as xanelas e as portas (de par en par) da nosa morada común e brindaremos por outro país posible e urxentemente necesario. Este. O Noso. Que ninguén vote nin rebote por nos, o 26-J. 
 

Votos e rebotes

Te puede interesar