O “Planeta dos Simios” no berce da nosa civilización

No último xoves do pasado mes de marzo puidemos asistir a outra das conferencias do profesor da facultade de Humanidades de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós. Conmovedora desde o seu inicio, o didactismo non deixa de estar presente de cada vez que temos ocasión de poder escoitalo alí onde for celebrada. Nese día, cuxo tema trataba sobre a destrución do patrimonio arqueolóxico en Siria e Iraq, puidemos coñecer como o proceso destrutivo, aínda en curso, chega a ser mesmo moi superior do que sospeitabamos. 
Dolorosísimo para un arqueólogo, cuxo principal labor xira de arredor de Mesopotamia dunha maneira singular (quer a nivel teórico mais tamén práctico sobre o propio terreo), a guerra que arrebata vidas humanas configúrase, porén, na máis atroz das consecuencias. Non en van, ten impulsado co fotógrafo Eloy Taboada, alén doutras persoas, o proxecto Arte x Siria, unha iniciativa solidaria a favor da Asociación de Apoyo al Pueblo Sirio, de cuxos fondos son beneficiarios cidadáns deste país que están a pasar penalidades dentro de Siria. 
Arrepía coñecer o número de mortos, de refuxiados e de desprazados dentro de Siria, sempre inexactos, ao sabermos como mudan no día a día. Talvez máis de 300.000 no caso dos mortos; máis de 5 millóns, no dos refuxiados (principalmente en países dos arredores, Líbano sobre todo); talvez case 7 millóns de desprazados dentro da propia Siria. Tememos poder ficar escasos. O certo é que a guerra iniciada en 2011 non ten visos de solución a curto prazo. Nacida á calor das chamadas Primaveras Árabes, a tentativa de derrocar o goberno de Bashar al Asad está hoxe lonxe de ter acontecido. A fragmentación en diferentes bandos, islamistas e non islamistas, do activismo curdo, alén dun posicionamento cada vez máis claro entre sunitas e xiitas alauitas (minoría á que pertence o presidente), ten dado lugar á presenza de forzas iranianas, que tradicionalmente apoian a Hizbula, e aínda de tropas estranxeiras (caso do exército ruso desde o ar) que asesoran ou financian economicamente a algún dos bandos. 
Todo se conxura para a destrución total ou, tal e como dixo António Guterres cando acababa o seu mandato como Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR), a finais de 2015, “Se o conflito non termina axiña, este podería ser a fin de Siria tal como a coñecemos”. E que a día de hoxe o tempo parece estar a darlle a razón. 
As atrocidades cometidas contra a vida humana sobre o terreo, quer en Siria, quer en Iraq (violacións, decapitacións e torturas, bombardeos aéreos indiscriminados...), non nos deben facer esquecer tampouco a destrución do patrimonio, ben premeditado de forma salvaxe por parte dos xihadistas, ben sen reparar nas consecuencias por parte de todos os outros bandos. 
A sensación final con que ficamos, e permítasenos ser maximalistas, parece querer conducirnos a unha sorte de “Planeta dos Simios”. Unha etnia de bárbaros vaise instalar sobre as ruínas do que eles mesmos destruíron (ou axudaron a destruír) para borrar todo vestixio daquilo que nos pertence como seres humanos, e máis se cabe aínda por estarmos a falar do mesmísimo berce da nosa civilización. 
Seis sitios sirios posúen actualmente o selo de Patrimonio da Humanidade dado pola UNESCO: as cidades vellas de Alepo, Bosra e Damasco, as ruínas de Palmira, as fortalezas de Crac dos Cabaleiros e Qal’at Salah El-Din e as chamadas cidades mortas. Case todas elas, hoxe destruídas pola guerra, algunhas en maior, outras en menor medida. 
Outros dez sitios foran candidatados tamén desde 1999 (Ugarit, Ebla, Mari, Dura Europos, Apamea, etc.) e incribelmente escollidas, nada menos que en xullo de 2016!, as cidades de Ur e Uruk, para seren igualmente Patrimonio da Humanidade. Segundo puidemos saber polo profesor Fenollós, todas as pezas do museo de Damasco foron trasladadas e escondidas por causa da guerra, aínda que diferente sorte correron as doutros moitos museos sirios e iraquís, saqueados e destruídos. Contounos tamén como algunhas pezas de presumíbel valor incalculábel, destruídas por martelos automáticos, cargas explosivas, etc., tal é o caso das de Nimrud ou Hata, non eran máis que reproducións. 
Mais o saqueo dos sitios arqueolóxicos está a ser unha realidade diaria. A situación de guerra e penuria leva a que multitude de campesiños expolie xacementos, de modo que o achado acaba despois en mans das mafias. O Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (2005-2011) que a UDC levaba realizando na garganta de Halabiya ou Khanuqa, na fronteira N de Mari, está hoxe próximo do odiado bastión do Daesh, de Raqqa. Sen dúbida, é a destrución premeditada e brutal de todo este patrimonio mundial coa que o Daesh pretende simbolizar o seu terrorífico triunfo, pois busca unha dupla intención: do punto de vista biolóxico, a de tirar a vida humana; do psicolóxico, amputarnos as raíces do que somos para nos impor as ansiadas por eles. Noutras palabras: o Planeta dos Simios no berce da nosa civilización.
 

O “Planeta dos Simios” no berce da nosa civilización

Te puede interesar