os Estados federais ou plurais da Europa (Alemaña, Suiza, Austria, o Reino Unido…) a xestión da pandemia axustouse á distribución do Poder entre os Gobernos centrais e os Gobernos territoriais, ao mandato xuridico e lóxico da subsidiariedade: os Gobernos próximos coñecen moito mellor os recursos e as necesidades do territorio e, ademáis, son os que contan cos medios persoais para enfrontar o perigo (sanitarios, servizos sociais, bombeiros, policías ou Protección Civil).
O Estado español xestiona a sanidade descentralizadamente dende 2002 (1991 no caso de Galicia, 1982 no de Catalunya e 1988 no de Euskadi). Logo o Goberno central era consciente da falla de medios e de “expertising” do Ministerio de Sanidade para enfrontar a pandemia como Mando Único. Porén, acordaron esa desaquelada recentralización, que fracasou gravisimamente na súa política de centralización de compras .
No desconfinamento, Pedro Sánchez manifestou o seu propósito de continuar co estado de alerta até o 1 de xullo e de reter o Mando Único, malia que esta decisión lle obrigara prescindir de moitos dos aliados da investidura (ERC, EH BILDU, BNG) e botar mán da dereita de Cs. Un troco de socios que vai dereitizar substancialmente a política social e económica contra os efectos financeiros da pandemia.
Por que o Goberno do Estado está a elixir políticas máis ineficaces? Por qué arrisca a súa política social e de rendas? Primeiro, pola mentalidade centralista da esquerda española. Despois, pola ideoloxía unionista e recentralizadora da maioría das direccións do PSOE e do PSC. Non por acaso o ministro Salvador Illa copresidiu como máximo representante do PSC a demostración unionista, nomeadamente monopolizada polo extremismo, do 8-Ou de 2017 en Barcelona.
O 27-Ou de 2017 os senadores do PSOE e PSC, canda os de Cs e PP acordaron un 155 que supuxo a disolución do Parlament catalán e o cesamento do Presidente da Generalitat e do seu Govern. Daquela moitos constitucionalistas denunciaron esta decisión, porque o 155 podería, cando máis, limitar o autogoberno , nunca suspendelo ou suprimilo. A decisión do Goberno do Estado foi aprobada pola maioría do Senado (PP-Cs e socialistas)
A aplicación do 155 en 2017 e do estado de alerta de 2020 amosa de vez quen é o Poder Soberano para o Madrid político, no sentido que lle deu o xurista filonazi Carl Schmitt, Amosa de vez o prescindíbel para ese Madrid político-e para o deep state- da organización autonómica e, xa que logo, do dereito de Galicia a se gobernar por si propia.