MOTA

Nunca lle vin o chiste a José Mota. Nin cando ía con outro cómico da súa corda, parte dun dúo chamado Cruz y Raya, nin despois –hoxe– a facer de home orquestra en “shows” (¿chous, mellor?) que deben de ter moito éxito entre o persoal porque adoitan recuncar na televisión. Eu, sinceramente, non lle vexo a graza, se cadra porque para facer chistonadas coa España fonda, eixo das caricaturas da Mota, compre ter un senso do humor máis refinado. Xa non direi que tipo Azcona-Berlanga, que iso é moito, mais cando menos achegándose ás maneiras do grande Gila. Mota, cando fai as trouladas do “Tío de la vara” é demais, está moito máis próximo a Santiago Segura, por exemplo, ese cabuxo que se ri dos miñaxoias co pretexto de (no fondo) simpatizar con eles.
E non obstante veño de reconciliarme con Mota, actor, na última película de Álex de la Iglesia, “La chispa de la vida”. Un asunto orixinal (referencias á mítica “La cabina”, que non é mal referente), con nachiño preso (polo cocote) nunha barra de ferro dun teatro romano a piques de ser inaugurado despois da remodelación. O encarcerado na barra, moi difícil de tirar se non é coa morte do nacho, ascende de súpeto a unha notoriedade absoluta. Á que De la Iglesia aplica o seu escalpelo, de aceiro irónico. Brillando, e de que maneira, un sutil e tenro José Mota. Quen nesta película atopa o que Pajares en “¡Ay, Carmela!”  O que non é pouco. Non perdan a película de Álex. Na que resucita un cómico. Si.

MOTA

Te puede interesar