O arco da vella

Esta mañá asomou o arco da vella, polo sur, ao abeiro dun pequeno trebón que se esparexía aos poucos polas leiras de Mañente. Un pé na Avesada  e outro  en Escanlar. E no largo cenario alumado polas espléndidas luminarias, nun primeiro plano,  asomaban  casas e un cabozo en ruínas, testemuñas dunha Galiza que se esvaece  na memoria. A ausencia de pícaros –outra testemuña dese pasado– a quen lle explicar emocionado o que estaba acontecendo, provocou en min a necesidade de me apropiar dese intre por se –nun outro instante da vida– tiver a ocasión de o compartir. Tirei de máquina de fotos. Clic.... Clic... Clic.
Indiferentes, os paxaros alimentaban, con frenesí, a súa esixente niñada. A Rapadoira, sozinha, recollía no seu colo a maré, mentres, alguén  procuraba respostas nos nubeiros que asomaban polo norte.
E na Palestina, co noso silencio complice, estase cometendo un xenocidio.

 

O arco da vella

Te puede interesar