LIBERDADES

Nin que dicir ten que as miñas primeiras relacións co mundo catalán viñeron da man do fútbol, do F. C. Barcelona, como non. No tránsito da década dos cincuenta ó sesenta, en ano que tanto ten e que non podo precisar, viaxara meu pai (Pepe Dobarro) a Barcelona por un asunto de traballo, e regresara cuns inesperados regalos: dous equipamentos blaugranas completos (camiseta, pantalón, medias e botas), ademais dun balón de coiro, dos chamados de reglamento, que, despois de moito rodar, acabaría estourando baixo as rodas dun camión na que hoxe é rúa República Arxentina. Non houbo amaño posible. Houbo que declaralo sinistro total. Naturalmente que meu irmá e máis eu ficaramos máis que contentos, máxime, se temos en conta que, alén das dificultades económicas dese tempo, na altura ese tipo de prendas non tiñan a presenza comercial de hoxe, nin nada que se lle pareza. Kubala, Czibor, Kocsis ou, sobre todo, o coruñés Luisito Suárez eran os grandes ídolos. No escudo do club catalán ollabamos para a Creu de Sant Jordi e para as catro barras, sen sabermos para nada que eran símbolos da cidade e de Cataluña. Si identíficabamos, claramente, as cores do equipo na parte baixa. Non fai falta ser moi sagaz, pois salta á vista, que o deseñador do escudo do noso Racing non se tivo que esforzar moito para realizalo. Tirou do dito que inventen eles e non fixo máis cousa que calcar o do Barcelona: forma de ola, cores da bandeira local arriba e cores da camiseta co balón abaixo. A cruz de Santiago engadiríaselle nos primeiro anos da ditadura. Historias do nacional-catolicismo, probablemente. Pois ben. Outro tanto que coas bandeiras do escudo do Barcelona acontecíanos co nome popular do club. Non entendiamos ben o de Barsa cando nós viamos escrito Barça -denominación que tampouco era habitual coma hoxe- e que nos parecía Barca. Descoñeciamos a pronuncia do c cedillado presente noutros idiomas. Iso de agachar as cousas que caracteriza os réximes totalitarios. Acontecía o mesmo co apelido doutro fantástico xogador: o angolano Jorge Mendonça (mal chamado, así mesmo, Mendoça, Mendoza, Mendonza), nesa época nas filas do Atlético de Madrid e posteriormente nas do Barça. Catalán e portugués, como o francés e outros idiomas, tiñan cedillas, mais nós daquela deses asuntos non coñeciamos nada. Logo, non moito despois, viría o contacto coa cultura, antes que nada por vía musical. Un bo día a Vicente Araguas ocorréraselle mercar un disco dun tal Raimon. Un EP que escoitamos mil e unha veces na súa casa e que, de non fallarme a memoria, contiña “Al vent”, “La pedra”, “Som” e “A colps”. Debiamos ter 14 anos; penso. Logo virían outros cantantes e outras músicas, e libros e escritores, e máis grandes futbolistas. Xogadores, que, ademais de xogar, e de marabilla, falaban catalán. Porque eran cataláns, simplemente. E habíaos tamén que mostraban ideas e ideais nacionalistas, mesmo independentistas. Entre os grandes xogadores cataláns, víase que Guardiola, malia o prudente e reservado que sempre demostrou ser, estaba moi presente nesa liña política. Mais notorio foi sempre o caso de Oleguer Presas, mais, sen ofender ninguén, estou a falar de grandes figuras. Agora, Guardiola decidiu que era un bo momento para patentizar claramente o seu pensar e sentir e hai individuos/as quen se lle botan enriba do xeito que sería lóxico e natural botarse ós presuntos grandes defraudadores e corruptos que se reúnen con total tranquilidade cos que mandan como se nada tivese pasado. Deben ser o modelo de patriotas dignos de vestir camisetas de seleccións deportivas españolas. Outro persoeiro catalán que nunca disimulou (todo o contrario) a súa ideoloxía é o cantante Lluís Llach, de quen teño, practicamente, toda a súa discografía. Vino actuar por vez primeira en Palma de Mallorca, dentro das actividades do “XVI Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas”. Recordo a emoción que me producira aquel encontro de 1980. Saíra do teatro entusiasmado e por iso lembro tamén as memeces saídas da boca dun suposto xenio da filoloxía española que recollía a prensa do día seguinte. Xa se verá, que aínda falta tempo.
 

LIBERDADES

Te puede interesar