Gustavo Pernas (Viveiro, 1959) é unha persoalidade excepcional no mundo da nosa cultura: licenciado en Historia da Arte, profesor de Guión e Teatro na Escola de Imaxe da Coruña e de Dramaturxia e Arte Actual na Universidade da Coruña, fundador con Ánxela G. Abalo de Áncora Produccións, dramaturgo e intérprete xenial das súas propias obras, entre as que están as premiadas “O galego, a mulata e o negro”, “Ladraremos”, “Footing”, “ Paso de cebra”, “Final de película” e a máis recente, de filiación esperpéntica, “Tres logomonos”.
Pois ben, a tan extraordinario bagaxe ven a sumarse o ensaio “Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede”, de edicións Laiovento; un traballo interdisciplinar, no que deixa constancia dos seus grandes saberes humanísticos, establecendo relacións entre pintura, teatro, ciencia, literatura, etc, para mostrar o fondo cambio que se ía a producir na sociedade decimonónica.
O seu estudo parte do cadro de Manet “Le dejeuner sur l’herbe”, que foi presentado no Salón dos Rexeitados de París en 1863 e que causou un grande escándalo entre o público burgués, afeito á pintura academicista ou pompier, contra cuxo realismo sin talento xa tiñan falado Zola e Baudelaire.
Manet rachaba coas convencións de tal pintura e ademáis tiña o atrevemento de sentar a Victorine Meurent, espida, xunto a dous cabaleiros vestidos e ollando afoutadamente para o espectador, como si o desafiase; deviña así en encarnación da verdade núa (eco da pudorosa “nuda veritas” do clasicismo), pero fora do contexto mitolóxico en que adoitaba aparecer.
Xa non estamos diante da Venus, senon da muller de carne e óso, que, nunha reviravolta de roles, enfróntase abertamente co dominio e co desexo masculino. É a mesma revolta que está a se producir na corrente do Naturalismo, en literatura e teatro, e Gustavo compáraa coa Nora de “Casa de bonecas” de Ibsen. “.Con Manet –dinos él– a representación da realidade da un salto cualitativo na Historia da Arte” e teatro, cine e fotografía viven desa revolta.
Victorine mira para nós, invade o noso espazo e, polo tanto, implícanos; fainos ver que todos participamos do mesmo drama; entre ela e nós só hai unha parede imaxinaria, esa que o dramaturgo Antonie, creador do Théâtre Libre denominou a cuarta parede; é como decorrer a cortina que tapa o prohibido, ou como fitar polo ollo da pechadura, unha realidade agochada queda ao descuberto.
Por aquelas datas, a cámara fotográfica, o telescopio, o microscopio amplían a ollada; a psiquiatría penetra nos misterios da mente, as falsedades da moral burguesa quedan ao descuberto. Non só aparece unha arte nova, unha nova ética alborea; ainda que na práctica a liberación da muller non se produce e “ a traxedia non deixa de cebarse nos personaxes femeninos”. Pernas descúbrenos que a idílica escea do “Dejeuner” agocha un segredo; o malestar da cultura, que definira Freud, está servido; a mirada clínica convértese en cínica e medra a fenda entre corpo, natureza e cultura.