Dous días de gloria (Historia, pintura e poesía)

Recibín, e lin estes dias de agosto, o galano dun fermoso libro recen saído do prelo, escrito e ilustrado con fermosos debuxos e rimas ad hoc polo meu amigo e compañeiro Miguel Ángel Fernández, almirante, pintor e poeta, non sei se por este orde. Seu titulo é “Dos Dias de Gloria” e conta e ilustra e poetiza o desembarco dos ingleses en Doniños, con todo luxo de detalles e cunhas magníficas acuarelas e tintas axeitadas ao relato dos feitos que tiveron lugar os días 25 e 26 de agosto do ano 1800.
O libro moi ben documentado fala duns feitos que son historia viva de Ferrol, para os ferroláns, para os españois todos e mesmo para os ingleses aos que o autor trata co maior respecto. Quédome con todo, pero quero destacar unha dedicatoria do autor na presentación:
“A la Armada y al pueblo de Ferrol, quienes unidos serán siempre capaces de conjurar cualquier peligro aún en tiempo de zozobra”.
¡Como un aviso a navegantes! nestes tempos de crise.
Non vou facer eu dende aquí a apoloxía do Yanqui, non a necesita, xa se encarga el coa súa bonhomía, co seu talante e co seu traballo no seu estudo-atalaia da Graña, sempre aberto a amigos e compañeiros para unha boa conversa rememorando outros tempos e vivencias da Escola Naval, dos barcos, da Armada e do acontecer cotián. So dicir que non é este seu primeiro libro ilustrado; cidades como Vigo, Ferrol, Pontevedra e mesmo o buque escola Juan Sebastián Elcano, teñen moito que agradecerlle á xenerosidade deste home polos libros a eles dedicados que constitúen un tesouro impagable. Ademais de arte, fai falta moito corazón para facelos.
O luns 25 de agosto, 214 anos despois, vaise presentar o libro no antigo edificio de Capitanía Xeral de Ferrol. Augúrolle un gran éxito e unha gran asistencia de xente. Alí estarei eu tamén disposto a aplaudir ao libro e ao seu autor, que ben o merecen.
Parabéns meu amigo e moitas gracias polo galano que moito aprecio e que xa ocupa un lugar sobranceiro na librería do meu sancta sanctorum.

 

Dous días de gloria (Historia, pintura e poesía)

Te puede interesar