Son espectador asiduo das salas de proxección cinematográfica desde moi cativo. Menos a primeira infancia vivín toda a etapa escolar na rúa Magdalena ó carón de dous cines: o Capitol e o Callao. E daquela a hoxe, sempre cine, cine, cine... Nos últimos meses vin unhas cantas películas que me interesaron. Unha das que máis foi a británica, Suffragette, palabra inglesa que vai máis aló do Sufragistas, da versión española, porque ese termo leva implícita unha violencia allea a suffragists. Gocei dos cen minutos e algo de proxección. Que dura foi a loita das mulleres na conquista de dereitos que semellan elementais. Canta incomprensión. Canta violencia física e psíquica. Canta represión. Pero tamén canta integridade e canta fortaleza, desa que dá o convencemento de ter a razón, de loitar por causas xustas. Trasantonte celebramos o Día da Muller Traballadora, en lembranza do longo centenar de mulleres falecidas no incendio da fábrica onde traballaban, feito contemporáneo da historia deste filme que recomendo con fervor.