O rei Juan Carlos I e a presunción de inocencia

  13 de agosto vai celebrarse o pleno extraordinario de Ferrol e na orde do día figura retirar un busto do rei Juan Carlos, así como a Medalla de Ouro. O rei, como toda a cidadanía, ten dereito á presunción de inocencia, pero ese non é o tema do que vai tratar o pleno, senón da defensa da democracia e da dignidade da Xefatura do Estado. Os grupos municipais deberían ter en conta os discursos de Nadal do propio rei Juan Carlos sobre a actuación dos cargos públicos. Así, en 2009: “Sigamos trabajando para que la honradez sea regla de conducta inexcusable”. En 2010: “fomentar el ejercicio de grandes valores y virtudes como la honradez”. En 2011: “La ley es igual para todos y la ejemplaridad debe ser una meta para los cargos públicos”. Por outra parte, Felipe VI manifestaba na súa proclamación como rei: “La Corona debe observar una conducta  íntegra, honesta y transparente”.
Seguindo ese criterio, o rei Felipe VI retiraba a súa irmá, a infanta Cristina, o título de Duquesa de Palma polo comportamento pouco exemplar. E o Pleno de Barcelona de 1 de abril de 2016 aprobaba por unanimidade, tamén co voto de PSC, PP e Cs, retirar á infanta Cristina todos os honores e a Medalla de Ouro da cidade. E tomaba esta decisión respectando a presunción de inocencia da infanta, despois do seu procesamento por delito fiscal no caso Nóos e antes de que se celebrase o xuízo e houbese sentenza.
Non estamos a falar de “supostas” ou “presuntas” irregularidades ou ilegalidades cometidas polo rei Juan Carlos I, senón de feitos probados ou constatados. ´É un feito probado que o rei Juan Carlos creou unha estrutura opaca en 2008, a través da Fundación Lucum en Panamá para operar desde unha conta nun banco suízo. É un feito constatado que recibiu nesa conta 64,8 millóns de euros, que procedían de Arabia Saudí. É un feito probado que o rei Juan Carlos entregou persoalmente en Xenebra un maletín con 1,9 millóns de dólares ao xestor da súa fortuna, Arturo Fasana, detido en 2009 no caso Gürtel,  para que o ingresase no banco suízo Mirabaud. É un feito probado que Felipe VI tivo coñecemento da existencia de Lucum (caramelo en turco) desde marzo de 2019 e que el mesmo figuraba como segundo beneficiario da mesma. É un feito probado que Felipe VI figuraba tamén como terceiro beneficiario da Fundación Zagatka, con sede en Luxemburgo,  propiedade de Álvaro de Orleans-Borbon, primo do rei Juan Carlos,  desde a que pagaba, entre outros gastos, as viaxes do rei Juan Carlos en avións privados.
A propia Axencia Tributaria informaba destes feitos na causa que instruía o xuíz Diego de Egea e que agora, despois do sobresemento provisional, está nas mans do xuiz Manuel García Castejón, da Audiencia Nacional. A Oficina Nacional de Investigación del Fraude  (ONIF) informaba a De Egea que “Juan Carlos de Borbón no ha presentado declaración informativa sobre bienes y derechos situados en el extranjero (Modelo 720)”, que é obrigatorio desde 2013 para evitar o fraude tributario. 
Coñecidos estes gravísimos feitos, como a ocultación de contas en Suiza, e lembrando as mensaxes de Nadal do rei Juan Carlos, Odón Elorza, deputado no Congreso, membro da Executiva do PSOE, exalcalde de San Sebastián e secretario de Transparencia e Democracia Participativa do PSOE, manifestaba que “el rey Felipe VI debería comprometerse a declarar con transparencia -el y la Familia Real- sus bienes y patrimonio,  y pedir al Gobierno que retire el título vitalicio de Rey Emérito a su padre Juan Carlos I”. As Xuventudes Socialistas de Cataluña demandaban nas redes sociais “que devuelva todo lo que ha robado”.
Barcelona cambiaba en 2017  a praza Joan Carles I e retiraba un busto do Salón de Plenos.
Vitoria (goberno de coalición de PNV e PSE-EE) cambiaba a avenida Juan Carlos I por “8 de marzo” por falta de “ejemplaridad” do rei e “para preservar los valores que deben representar aquellas personas que cuentan con una calle en la ciudad”.
Palma de Mallorca acordaba por unanimidade retirar o nome de Rambla dos Duques de Palma.
Navarra (goberno da Comunidade Foral presidido pola socialista María Chivite), retiraba un retrato do rei Juan Carlos da Sala de Goberno.
Pinto acordaba retirar o nome de Juan Carlos I ao parque público máis grande do municipio, así como o busto do rei na entrada do parque: “Alguien que no es capaz de tener una conducta intachable no debe recibir homenaje público”. O alcalde, Diego Ortiz (PSOE), lembraba que o pleno de Pinto xa aprobara retirar o nome da Infanta Cristina a actual Casa de la Cadena “cuando salió absuelta y ni siquiera se había producido el juicio; y no se cuestionó su presunción de inocencia”.
É evidente que a actuación de Juan Carlos I non é exemplar, nin legal, nin honrada, nin transparente e que procede a retirada do busto que ten na fachada do palacio municipal de Ferrol, os retratos, a Medalla de Ouro da cidade e todo tipo de distincións.

O rei Juan Carlos I e a presunción de inocencia

Te puede interesar