Fene: entre o eixo e a roda

Desde a década dos 60 do século pasado, o concello de Fene favorecido polo auxe do seu emerxente sector naval experimentou unha evolución demográfica alcista, cuxa tendencia se mantivo durante un longo período de case vinte anos, e cuxa culminación, ten de fixarse no ano 1986 por ser este o momento que duplicando case os habitantes de principios do período, a poboación municipal aproximouse aos 16000 habitantes, un referente de esplendor que paradoxalmente se transformou ao mesmo tempo en punto de inflexión e inicio do seu decaemento, que como consecuencia da forzada reconversión do seu esencial sector produtivo motivou que desde aquel intre o concello perdese un 14% do seu censo ata situarse nos seus actuais 13385 habitantes, unha contía en clave descendente e xa que logo sen perspectivas de recuperación.
Emporiso o negativo efecto que o Concello está a soportar como consecuencia do devir da crise industrial, tanto a prexudicial influencia demográfica causante da súa perda de poboación, así como da xeración de elevados niveis de desemprego e a repercusión causante en dificultar o acceso ao mercado de traballo das novas xeracións, son aspectos todos eles que no seu conxunto de ningún xeito debesen ter maior relevancia nin significación estatística de mediar unha mínima predisposición política para a súa resolución. 
Para ese efecto, dicir que contra a repercusión do propio declive económico e os efectos asociados polo desmantelamento do seu principal sector produtivo, ademais de mostrar a súa radical oposición , no seu momento, a administración municipal en vía a corrixir o imperante “monocultivo industrial” procedeu en revisión do seu planeamento xenuíno establecendo urbanísticamente no seu ámbito unha ampla bolsa de solo industrial como oferta de diversificación, situada en óptimo emprazamento, vantaxosa conexión infraestructural e planificado acceso de interconexión co propio estaleiro.
Un polígono industrial de 853.000m2 cuxa parte alícuota sumada aos 950.000 m2 do recinto fabril do estaleiro, fan que Fene cun 5,5% da súa superficie total clasificada como solo industrial consolidado, reúna requisitos sobrados para cumprir unha función dinamizadora e asemade a condición de enclave industrial de referencia.
Pero se a pesar que actualmente a oferta de chan facilita a instalación de novas actividades económicas no ámbito do Polígono, e que o Estaleiro unha vez superado o prazo do veto dispón de autoridade sobrada para retomar a súa actividade principal, se aínda así, a infrautilización do solo industrial mantén idéntica tónica, entón debe resultar obvio que non é a planificación territorial o que falla, senón que o mal reside na desidia colectiva dunha clase política sen o mínimo interese en reconquistar e ampliar a vitalidade do tecido produtivo municipal a pesar das derivacións e os perniciosos efectos que ao futuro do concello e das súas xentes ocasiona a súa actitude de indolencia.
Mostra que ven confirmar tal afirmación, é a actitude de neglixencia xeneralizada do conxunto de forzas políticas sobre o futuro industrial da localidade, a conduta de inacción mantida por todas elas, cando a Axencia Galega de Infraestruturas de Xunta de Galicia aprobou definitiva o trazado de Rólda Oeste, cuxos 900 metros iniciais discorren polo interior da antiga Astano, e que máis alá do propio ancho da traza viaria, establece unha zona de servidume cuxa repercusión espacial no ámbito do estaleiro alcanza os 135.000m2, deixando fóra de ordenación instalacións e edificios existentes, á vez de limitar futuros aproveitamentos urbanísticos de actuais zonas ociosas. 
Unha desmedida afección que afecta ao 15% da superficie do conxunto do estaleiro e que por operativa funcional e necesidades expansivas da propia factoría, debese restrinxir dita área de influencia acorde a formulacións integradoras e de maior coherencia territorial. 
Como o feito da súa renuncia para seguir mantendo o espirito inspirador de Vilar do Colo, a través do despropósito que supuxo a súa apertura a usos comerciais e de servizos, cando o que requiría a situación era a posta en marcha de ferramentas eficaces de xestión e de condicións financeiras favorables que facilitasen a implantación dunha oferta industrial diversificada e plural, que nunca o acceso á súa terciarización.
Por iso, Fene é sen dúbida unha realidade territorial que se debate entre o esplendor doutra época e o declive do tempo presente; paradigma dos nefastos efectos dunha desindustrialización sen xeito nin dereito, que deixou un concello sumido en condicións ínfimas, tanto urbanísticamente como socialmente, ata o extremo de causar situacións de vida asfixiantes en amplos sectores dunha sociedade marxinada, que angustiada e sen expectativas reivindica con afán a posta en práctica dun plan de dinamización económica como solución.
Pretensión que lamentablemente, a xulgar pola total falta de vontade e nulo compromiso das formacións políticas, dificilmente poderá garantir a súa aplicación, e moito menos, augurar resultados que revertan a situación; impedindo con iso toda probabilidade para que quen vive en Fene teñan garantía de futuro e poidan botar raíces na súa localidade.
 

Fene: entre o eixo e a roda

Te puede interesar