Votar como leóns

malia que a chamada revolución dos cravos sempre foi un deses acontecementos que me asombrou, me entusiasmou e, mesmo, me conmoveu, nunca me cadrara poder celebrar o 25 de abril en Portugal, cousa que tiven oportunidade de facer nesta semana que nos acaba de marchar. Nunca é tarde. Por fortuna, nomeadamente para o pobo portugués, mais tamén para o resto de Europa e do mundo, a ultradereita deixou de gobernar en Portugal e coa súa marcha parece que queren volver tomar corpo as celebracións conmemorativas da gloriosa efeméride, que eses gobernos tentaron minimizar e levar ao esquecemento. Pagaba a pena, pois, celebrar o aniversario –van aló 43 anos e parece que foi onte– debidamente. Por máis que miraba e remiraba aquí e acolá, fóra de Porto e de Lisboa, non daba atopado algo que de verdade enchese de vez eses meus anos de espera. Quería rúa e para iso todo me dicía que, inexorablemente, tería que ir a unha das grandes urbes portuguesas. Confirmoumo, a maiores, o Sampaio, o dono dunha deliciosa taberna de Braga, o Subura, á que me encamiñou o amigo Manolo Bacallau. Se lles cadrar pasar por Braga, non a perdan, está en sitio  ben céntrico. Como Lisboa ficaba moi lonxe, Porto era o lugar adecuado. E para aló fun coa ilusión dun cativo en véspera de reis. 
Como o día era feriado, non tiven problemas para aparcar na empinada Rúa do Almada –por onde moito teño transitado hai anos abondos–, moi perto da Cámara Municipal. Sitio óptimo, xa que o groso do programa se ía desenvolver alí mesmo, na Avenida dos Aliados. Despois de ver a actuación de Magano, un grupo de cante alentejano, fun á procura da manifestación, que abría unha pancarta co lema “Construir o futuro, cumprir Abril”, para sumarme a ela. Chegada ao palco, sito no centro dos Aliados, o xubilado coronel Castro Carneiro deu lectura ao manifesto e acto seguido o Coro dos Mineiros de Ajustrel púxolle o ramo á celebración interpretando unhas cantas cancións, entre ellas o “Grândola, vila morena”, que a xente acompañou con entusiasmo.
O antedito coronel José Adelino Mota e Castro Carneiro, que foi o “Capitão de Abril” que en 1974 comandou as tropas libertadoras nas rúas do Porto para poñer fin a 48 anos de represión, nunha entrevista de hai poucos anos, soltou esta frase que me parece digna de ter en conta permanentemente: “Não adianta protestar como leão para depois votar como um burro!”.
 

Votar como leóns

Te puede interesar