DE PASEO

Ooutro día dicía pola radio un nachiño de Sevilla que este ano a “Feria” da súa cidade lembraba aquelas tan cotrosas dos anos corenta. Os “señoritos” a cabalo e os de a pé a mirar a estes e a pasear, a pasear moito, a rachar zapatos ou alpargatas, sen entrar nas casetas. Que, consecuentemente, sufriron desta volta perdas importantes. A maldita crise, lástima fora. Que me fai pensar se a rúa Real de Ferrol non volverá ser o paseo aberto que foi. Co persoal de enriba para abaixo, unha e outra vez, a cruzar olladas e saúdos. Isto no inverno. Que no verán (eu xa non o collín, pero si que fixen o percorrido ben organizado por Real) marchaba ao Cantón, facer o propio.

Paseemos, pois, que é bo para o corpo e máis o espírito. E de paso merquemos no pequeno comercio, das moi poucas cousas boas que nos van quedando. Porque o caso é que aquí, onde moro, o persoal devece polas grandes superficies. E veñen de inaugurar unha, a metade de camiño entre Las Rozas e Majadahonda, e dinme que o choio lembraba os primeiros días unha xigantesca romería. Con vehículos que, ao colapsar os accesos, provocaban tapóns de trinta minutos. Iso foi o que me contaron.

Por certo, o aluguer dun local de cento corenta metros, dez mil euros mes. O que xa non sei se o persoal foi tan só “de miranda”. Mirar tendas, digo, que aquí si que non hai cabalos. Algún burrico si, mais ese xa é outro conto, claro, para ser contado (diría Rudyard Kipling) outro momento.

DE PASEO

Te puede interesar