O DEBATE

Non cabe dúbida que o debate a catro levantou expectación, e a ninguén se lle oculta que a política, entre outras cousas, consiste en debate de propostas e de ideas porque a xente precisa que lle presenten alternativas encamiñadas a mellorar un estado de feitos que ata o de agora non  deixaron de ser un problema para o que entendemos como un normal desenvolvemento da convivencia, para arranxar os atrancos causantes dun malestar social instalado no devir dunha política que non semella atopar saída positiva á inquietude dos gobernados.  E cando se aproximan as eleccións os partidos activan todos os recursos dos que dispoñen para, unha vez máis, convencer á xente de que teñen na man as solucións ás  nosas cuítas. Miña nai apelaba moitas veces ao sabio refrán que di: Prometer e non dar aos tolos fai alegrar. Porque mira que prometen e prometen como se as promesas estiveran aí esperando unha oportunidade de saír a relucir, e o fan agora logo de incumprir todo o prometido, dando por feito que os votantes cuxas vidas seguen a navegar por mares procelosos, son desmemoriados ou esquecedizos e se lles pode convencer con certos cantos de serea que proveñen das rochas deses partidos proclives a dicir diego onde dixeron digo. Pero éche a tónica e teremos que acostumarnos a xogar con estas regras sabendo, eso si, o que hai. O debate  presentárono como decisivo, como debate histórico e en certo modo o foi polo número de espectadores, case dez millóns. Nisto último levan razón, pero no que concirne a consideralo decisivo electoralmente creo que esaxeran. Debateron tres candidatos e unha delegada doutro aspirante que preferiu velo por televisión, como se a cousa non fose con el. Confeso que estiven aí, ao pe do canón, escoitando e vendo como transcorría o evento, e baixo o meu punto de vista observei o seguinte: certos nervios no candidato de Cidadáns, un recitado de lección aprendida na delegada do PP, más do mesmo no aspirante do PSOE e certa circunspección e máis contundencia nas proposicións de Podemos. O feito de declarar cal foi o vencedor da contenda dialéctica entraría dentro dunha subxectividade propia do observador que mira segundo a cor do cristal que lle convén, así que cada cal saque as súas propias conclusións. O que si semella acontecer é que remataron xa os tempos dos mitins, dese baño de multitudes no que se mergullan os candidatos arroupados polos seus seareiros. Aí  non hai debate, non hai confrontación de ideas: hai consignas que son aplaudidas con entusiasmo polos seguidores incondicionais. De aquí en adiante o debate televisivo e radiofónico vai ser a fórmula para que os partidos traten de convencer ao electorado, e fora da TV ou a radio? pois debates nos centros cívicos, nas ágoras onde a xente poida ver como os candidatos  defenden os diversos postulados. E outra apreciación: Os chamados vellos partidos non poden andar a voltas coas vellas consignas, non basta con cambiar as caras; teñen que actualizar os argumentos para ilusionar aos seus partidarios e aos que poden selo. Ah, e que non tomen á xente como un inmenso colectivo desmemoriado , coma un ente esquecedizo que fai táboa rasa das promesas incumpridas. E aos novos que fagan ímprobos esforzos por tratar de que isto cambie, para facer da política o factor capaz de propiciar as mudas necesarias para o beneficio da maioría sabendo que a través da política é como se poden facer cambios na sociedade. E a ver se somos capaces de votar reflexivamente, co cerebro máis que coas vísceras: que o voto partidario, sen máis, non ten sentido se non hai detrás unha sisuda reflexión. E a ver que pasa. 

O DEBATE

Te puede interesar