Despertares

Leo neste xornal (17/02/2019) a denuncia contra esta empresa de axuda a maiores por cerre e deixar sen servizo aos seus clientes sen previo aviso. Subscribo ao cen por cen o informado polo xornal porque eu son un dos prexudicados, tanto no que se refire ao abandono de funcións como no que atinxe ao diñeiro entregado como fianza, en metálico e sen factura. Da noite a mañá, sen ningún tipo de explicación, desapareceron, esvaecéronse, empresa e donos, deixando de prestar os servizos contratados, sen pagar aos seus empregados e sen devolver as fianzas esixidas de xeito ilegal á firma do contrato. Síntome estafado por esta xente e penso que baixo ningún concepto pódense ir de “rositas” cos cartos de moitos clientes que, outrora depositaron sua confianza neles. Unha considerable cantidade de cartos.
Non sei como está a cousa no relativo as denuncias por parte de empregadas e usuarios, pero penso que uns e outros deberiamos facer unha fronte común e denunciar esta situación que ten un nome moi claro: Estafa, con premeditación e aleivosía.
( Estafar é segundo o Dicionario da Real Academia Galega (RAG), conseguir (de alguén), cartos ou cousas de valor mediante enganos.)
Coñecemos os nomes das responsables, mesmo teléfonos e direccións de correo aínda que non respondan a eles por estar fóra de servizo. A sede da entidade na rúa Naturalista Seoane está agora baleira e en alugamento.
O que si está moi claro é que non se poden consentir este tipo de accións contra xente que, en moitos casos viven dunha reducida pensión.
A Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e mesmo a Policía Nacional teñen a obriga de intervir neste caso co gallo de que Despertares devolva a seus lexítimos donos os cartos depositados como fianza sen menoscabo doutras actuacións administrativas legais dirixidas a castigar este tipo de delitos, que se están proliferando na nosa cidade.
Que non estamos en Venezuela!
Non podo rematar sen dicir que todas as empregadas, sen excepción, que traballaron na casa durante o contrato con esta xente fixérono á perfección, tanto no que se refire ao seu traballo como ao trato persoal. Tamén elas son vítimas da estafa por non haber cobrado o froito do seu traballo durante meses.

Despertares

Te puede interesar