as festas do mundo rural axústanse ao calendario das estacións e aos traballos do campo, ao tempo que as festas relixiosas vanse adaptando ás celebracións profanas. Pola contra, os núcleos urbanos, elixen normalmente o período do verán para celebralas súas festas, con independencia da data da festividade do santo patrón.
O patrón orixinal da antiga igrexa parroquial de Ferrol, existente en Ferrol Vello desde o século XI, era San Xulián de Vienne, compañeiro de San Ferreol, que desde o século VII deu o seu nome a varios templos da cornixa cantábrica. Non obstante, Ferrol, desde o século XVIII, ten como patrón a San Xulián de Antioquía, por unha decisión de Francisco Cuadrillero, bispo de Mondoñedo, deixando o anterior padroado de San Xulián de Vienne e celebrando desde aquela época a súa festa o día 7 de Xaneiro, unha festividade que foi perdendo relevancia co paso dos anos.
Desde mediados do século XIX comezouse a celebrar en Ferrol un programa de festas populares, de arredor dunha semana de duración, a finais do mes de Agosto. O programa incluía desde regatas no porto ata corridas de toros, rematando o último día con fogos artificiais no peirao de Curuxeiras. Á morte de Ramón Plá, marqués de Amboage, o ano o ano 1892 xurdiu en Ferrol a idea de celebrar arredor do día 31 de Agosto, festa de San Ramón, uns festexos na honra do marqués, creándose a sociedade de festexos “La Gratitud al Marqués de Amboage”.
As primeiras Festas de Amboage celebráronse o ano 1896, coincidindo coa inauguración da estatua do marqués, tendo unha duración de tres días. Comezaron así uns festexos laicos e populares, que atraeron a numerosos forasteiros a Ferrol. Os Fogos de Amboage, celebrados na praza que leva o seu nome, chegaron a ser os máis coñecidos de Galicia despois dos do Día do Apóstol en Santiago, constituíndo a referencia festiva da cidade.
Grazas ao traballo das Comisións de Festas, formadas polos propios veciños, a entidade das Festas de Amboage foi en aumento ao longo do século XX, mentres crecía a súa duración e ofrecían certa variedade de espectáculos ata os anos 1930. Despois da Guerra Civil, ademais de ir cambiando de datas e de nome (Festas de Verán, Festas de Ferrol, Festas do Mar), as celebracións foron perdendo relevancia, ofrecendo unha programación normalmente errática, pouco sostida e de escaso interese. Mesmo os afamados Fogos de Amboage foron levados primeiro ao peirao de Curuxeiras e logo á enseada da Malata.
A pesares dalgún intento de recuperación destas festas, coa chegada do século XXI, as Festas de Ferrol perderon o seu nome orixinal, practicamente desapareceron as Comisións de Festas e por mor do mal facer dos concelleiros encargados das festas, deixaron de interesar ata aos propios veciños da cidade.
A mesma evolución negativa sufriron os últimos anos as antigas e prestixiosas Revistas de Festas de Ferrol, editadas por diferentes entidades colaboradoras das mesmas, e onde ademais do programa daban a coñecer diversos aspectos da historia e cultura da cidade. Unha entidade cultural, a Sociedad Artística Ferrolana, pretende recuperar este ano a Revista das Festas de Ferrol 2018. O Foro de Amigos de Ferrol espera con interese a postura da Concellería de Festas diante desta interesante iniciativa.