Un matrimonio galaico deixouse embaratar nunha charla comercial polas excelencias dun cobertor que declaraba unha muller en traxe de chaqueta e pantalón. O invento en si era unha manta da cal penduraba un cable que había que conectar a unha toma de terra no cuarto e gozar dunha noite de sono e soños profundos. Esta parella, entrada en anos e afectada polo clima autóctono na zona medular e ósea, non dubidou en asinar o que fixese falta para conseguir tal invento, referendado por un médico que disque había na conferencia. Ao cabo dunha semana chegoulles á casa o lenzo, pagaron ao contado a cantidade, considerada desorbitada polos familiares, e agardaron á noite para comprobar os beneficios relaxantes e reconfortantes do aparello.
Ao día seguinte declararon que foi a peor noite de descanso que tiveron na súa vida e que ademais as dúas xornadas posteriores foron de discusións entre os dous, buscando a quen facer culpable de inducir a ese gasto, que orixinou máis malestar que acougo e descanso talámico. Como bos nativos da autonomía, non comentaron nada a amigos e familiares até días despois, porque como quen encontra unha mina de ouro ou deseña campañas turísticas, conviña manter o segredo, non fora a ser que outros coñecesen do invento e descansasen mellor ca eles.
Estes dous elementos creáronse tantas expectativas que tardaron case unha semana en durmir con normalidade na cama habitual, con independencia do cobertor e máis despois de darse conta que, como vivenda propia e típica galaica de autoconstrución, non instalaran toma de terra no sistema eléctrico para aforrar en cableado.
É que aborixes de por aquí somos así, pensamos que é mellor durmir sobre un colchón cuberto de pétalos de rosas, en ambiente agradable envolto de aromas exóticos, pero sacamos a carteira para pagar mil euros por unha manta con toma de terra, que é o mesmo que derrubar o encanto dunha cea cun mantel de papel ou viño de cartón.
O gran problema dos galaicos é que dormen pouco e descansan mal e esta falta de relax vese agravada pola diferenza horaria co eixo París-Berlín. Un exemplo de jet lag é o que padece o presidente Feijóo, que marcha de fin de semana a Madrid e o luns anda de conferenciante ou entrevistado pola capital do Reino ou por Barcelona e regresa o martes a Galicia, con tres horas oníricas no aire, perdidas en aeroportos con conexión directa coa comunidade. Tamén é certo que Touriño non viaxaba tanto e parecía que estaba nun sono eterno, pero así non se pode comezar a semana laboral tendo os biorritmos cambiados cada sete días e isto non se soluciona durmindo nun colchón de rosas por moi encantador que sexa.