a lóxica da folga xeral

|

 anuncio da convocatoria dunha folga xeral galega, por parte da CIG, para o vindeiro 19 de xuño foi o aspecto máis relevante deste Primeiro de Maio. O sindicalismo nacionalista xa disputa hoxe o primeiro posto en número de delegados e delegadas coa UGT. Porén, non se pode obviar que ten unha representación destacada en sectores como a industria, construción e os servizos públicos. Ademais, posúe unha capacidade de mobilización que como mínimo iguala, cando non supera, a que suman CCOO e UGT xuntas. Aínda así, resulta evidente, que os resultados do paro serían maiores se conta co apoio destas centrais e outros sindicatos menores, como a CUT, CGT e CNT. 
A CIG convocou os dous sindicatos principais do Estado español na Galiza a se sumar á folga xeral, mais ate o momento non houbo resposta. Se temos en consideración a súa postura en relación coa regresiva reforma das pensións do ano 2011, ou a súa actitude na folga do persoal de xustiza, non se pode ser moi optimista neste tema. Porén, con seguridade, a base destes sindicatos terá en moitos sectores e empresas actitudes máis combativas. Persoalmente, sempre preferín, na miña etapa de delegado primeiro, e de dirixente sindical despois, compartir camiño se fortalece a mobilización. Coido que procurar a unidade na acción reivindicativa beneficia á clase traballadora, sempre que non implique un recuar no estratéxico, e non sacrifique o necesario debate de proxectos. Neste caso concreto, as diverxencias son moi fortes. Aínda así débese intentar. E de non conseguilo, que sexan evidentes as responsabilidades de cada central. 
Agora ben, o aspecto fundamental, é que hai razóns abondo para esta convocatoria. E son dos que pensa que xa se debería ter feito. Hai seis anos que se convocou o último paro. E o período transcorrido foi regresivo en materia de condicións laborais, dereitos democráticos e servizos sociais. Asemade, aumentou a desigualdade tanto entre clases como entre territorios, e como consecuencia, a caída demográfica na Galiza. Un medre da explotación e da opresión, que contrasta co crecemento da economía, das exportacións, e do lucro empresarial. Sei que neste período houbo centos de paros, mobilizacións e accións de protesta. Mais a folga xeral é un pulo cualitativo. Claro que, de pouco vale se se toma como un obxectivo en si mesmo, e non como un punto álxido de axitación e debate, que debe servir para estender a mobilización, a organización, e o nivel de conciencia e de referencia política da clase traballadora.

a lóxica da folga xeral