Aló vai dona Rita. A que fora “La mejor”, o “Emblema del PP”, algo así como “a insignia” dos populares, morreu soa e abandonada por todos aqueles aos que serviu, polos que tanto fixo e arriscou. Lembro agora aquela frase de “Roma no paga a traidores”, pero o caso é ao revés: ela é a traizoada. Os mesmos que a louvaban dun xeito servil, os que grazas a ela acadaron trunfos, bos cargos e mellores soldos, separáronse dela como se fose unha apestada. “Xa non é do PP” dixeron e seguiron coas súas prebendas. Lembro tamén aquela outra frase de: “Más dura será la caída”. E tan dura que foi. Coido que non é doado resistir semellante desprezo. Como mostra de dolor, pagáronlle cun minuto de silencio que, seguramente sería máis ben de alivio, porque estaba a ser un perigo. Morreu, e agora, botaranlle enriba todo o lixo que os salpica, pois así é a política. Mais houbo quen non quixo participar nesa burla. Meu respecto para dona Rita. E que todos a deixemos descansar en paz.