Xunta e sentenza do Supremo

De novo o asunto de Reganosa toma relevancia por unha resolución do Tribunal Supremo que anula a regulación administrativa, o que significa que non existía o instrumento de ordenación urbanística que serviría de respaldo ao emprazamento elixido para a planta de gas. O Tribunal Supremo dá así a razón ás asociacións  que veñen loitando dende hai anos para que esta empresa cese as súas actividades no seu actual emprazamento.  Ninguén pon en dúbida a importancia que teñen as fontes de enerxía  para o desenvolvemento e progreso dun país, e cando digo ninguén inclúo por suposto a aquelas asociacións que están en contra da situación dunha planta de gas dentro da ría e que foron cualificados de agoireiros e inimigos da prosperidade. Todos asumían que o gas, como fonte enerxética, era necesario, pero non estiveron nunca de acordo en que a planta de gas estivese operativa a escasa distancia de importantes núcleos urbanos co risco potencial que iso reporta. Falouse por activa e pasiva do perigoso que é a manipulación do gas polas consecuencias catastróficas que pode producir unha deflagración, así que como case ninguén discute esta premisa, non é preciso insistir no tema. O que realmente chama a atención é a escusa case pueril da Xunta de Galicia para desobedecer a resolución do Tribunal Supremo, o cal ven a amosar que as sentenzas, segundo en que dirección vaian, son de obrigatorio cumprimento ou pásase delas sen máis. Porque dicir que non se vai acatar a orde de tramitar unha nova autorización administrativa por ser a Xunta accionista da empresa non me dirán que non ten o seu aquel de alucinante. Temos aí fora un flamante porto exterior que non ten sentido ningún a non ser que unha empresa como Reganosa e Forestal ( cos seus activos de combustibles)  estea situada aí, nese lugar idóneo. Un porto exterior aquí, outro na Coruña, ten sentido tanto desatino se non lles damos operatividade? Pois semella que si, que para algúns si ten sentido, como tamén que a ría de Ferrol sexa unha esterqueira cuns índices de contaminación fora dos parámetros normais, co que iso significa para a xente que vive directamente do mar. Cando non se poda mariscar na ría serán as empresas que ocupan a súas ribeiras as que acollerán aos mariscadores que queden sen traballo? Fora da ría tamén se pode crear emprego industrial, non creo que iso ninguén o discuta, como tampouco a necesidade de sanear unhas augas que,a pouco que nos descoidemos, poden chegar a estar envelenadas. Algúns din que ese é o tributo a pagar para que o mundo progrese, pero non creo que estean no certo: o progreso está no equilibrio entre as actividades industriais e a conservación do medio ambiente, pois se non o respectamos entraremos nunha espiral de autodestrucción. Non vale todo en aras do progreso. Que non nos conten milongas. E agora que? Que vai pasar co tema este de Reganosa? Pois xa veremos. O tribunal Supremo dou a razón ao recurso presentado por varias asociacións cidadáns respecto ao entorno da regasificadora, pero xa se ve como a Administración responde. Haberá recursos e contra recursos, sentenzas e apelacións ás sentenzas e o tempo irá transcorrendo namentres os gaseiros seguirán entrando na ría e os comités cidadáns de emerxencia e asociacións veciñais proseguirán na loita e na procura de que algún día algún político responsable sexa quen de asumir unha resolución do Tribunal Supremo.
 

Xunta e sentenza do Supremo

Te puede interesar