Sanedrín é lembranza da histórica corporación xudía, con atribucións mesmo xudiciais, que tiña a suprema autoridade relixiosa no país de Xudá ou Palestina, baixo o dominio romano, ata a o momento que foi abolido o patriarcado baixo o posterior dominio bizantino sobre esta antiga provincia sometida ao control imperial de Roma. Para os cronistas da causa, os homes que formaron esta institución sempre foron presentados como sabios, fose no ámbito local das cidades que configuraban a división territorial, como tamén no Gran Sanedrín, formado polo Pai Supremo e os setenta magníficos compadres. A realidade non foi certamente así. Na escolla, o aspecto da imparcialidade, independencia de criterio e outros valores de neutralidade sempre foron contaminados polo interese, influenza e caciquismo persoal. Mesmo, agora teiman en resucitalo.
Porén, esta referencia á tradición semita serve para facer unha comparanza con modernas entidades nas que o real e o aparente, a imaxe pública buscada, marchan por camiños diferentes; aínda que non opostos. Velaí, pola proximidade da cita anual, o conclave económico que se presenta como Foro Económico Mundial, bautizado popularmente como Foro Davos. Encontro a celebrar nesta cidade helvética que pasa por ser a situada a máis grande altitude de entre todas as europeas; e, certamente, si é o centro deportivo invernal máis extenso da Suíza. Aquí, dende comezos dos pasados anos setenta por ocorrencia inicial dun profesor de economía suízo, concítanse os auténticos amos da economía planetaria, especialmente do sector financeiro, arredor de dirixentes políticos e algún persoeiro que serve para proxectar esa imaxe de punto de reflexión, intercambio de ideas e proposta de medidas para unha sociedade máis xusta. Mágoa de non convidar a referente algún dos movementos sociais, ecoloxistas ou sindicais. Faríao críbel.
É lóxico pensar que, no fondo, a cita é para marcar unicidade nun discurso orientado na que políticos, xornalistas e outros creadores de opinión pasaran a facer un posterior papel de predicadores da interesada mensaxe que nesta ocasión declara comprometer “crear un futuro común nun mundo fracturado”; iso si, que vai contar con novos sistemas económicos e industriais configurando a enigmática Cuarta Revolución Industrial. É dicir, máis tecnoloxía, robótica e xestión privada de recursos. Menos emprego, máis pobreza e desigualdade. Na súa axenda global fálase de mellorar gobernos e relacións multilaterais á procura dun desenrolo sostíbel e inclusivo. Ben estaría que así fose, mais non vai ser deste xeito.