Das grandilocuencias

Rematou xaneiro e xa temos ao Reino Unido fóra da Unión Europea. Agora con esa grandilocuencia pomposa plasmada nese visual final da conta atrás, ao modo do inesquecible grupo Europe, sobre a parede do 10 de Downing Street. Estraña coincidencia. Hai unha lóxica ordenada no caos. Unha especie de poética razoada do absurdo que, a forza de coincidencias, acaba por cobrar algún sentido. O peor é a sensación de cruzar os limes, e quedarse novamente no medio e medio dunha terra de ninguén. Aquelo do orgullosamente sos. De novo o soño do amigo americano co que se pretende facer un camiño de expectativas e vantaxes, posiblemente, pero seguro que con miles de contradicións e fiascos. Ademais cunha sociedade partida en dúas metades por unha decisión que non se acaba de entender, máis que nas mentes de líderes, persoas e grupos económicos con resabios de pasados coloniais e prepotentes. Lamentablemente, hoxe somos un menos. Precisamos de políticas que fagan fortalecer máis a esta UE que ten xa moito pasado, pero ten aínda moitísimo máis futuro. Vox nega o exterminio nazi ao colectivo LGTBI, e engade así unha negación máis ao seu catálogo. Sen criterio científico, sen rigor histórico e sen estudos que desmonten as tesis anteriores. É dicir, ao modo da ultradereita. Un negacionismo máis neses estraños mandamentos, contrarios ao rigor, que pretenden impoñer a modo de novos patriarcas. Coñezo o campo de exterminio de Sachsenhausen en Berlín. Un catálogo de horrores e deshumanización brutais, planificado por persoas, sociedades e políticas... Aínda teño o frío insoportable daquel lugar nos osos. 
Saberte é un estanque de nenúfares -díxolle El con tenrura- unha luz poderosa no centro xeométrico das noites máis escuras. Saberte, é unha choiva coral de primaveras...Acaso unha memoria de vidas habitadas, e sempre un patrimonio de afectos e raíces...

Das grandilocuencias

Te puede interesar