Acelénsanse os cambios

Os datos do FMI para 2020 e o vindeiro ano respecto da evolución do PIB constatan o avance da economía China, así como doutras nacións de Asia do leste, en detrimento do Estados Unidos e a Unión Europea. Axudou nesta evolución que a potencia asiática fose quen de limitar a expansión do covid-19 á primeira onda, daquela que este ano o PIB medrará o 1,9% e seica no ano 2021 un 8,2%. Malia que para outros países da contorna os dados non son tan bos como os do xigante asiático, son moito mellores cos de occidente. 

Ademais, o acordo de libre comercio que se acaba de asinar entre 15 estados de Asia-Pacifico, creando a Asociación Económica Integral Rexional (RCEP), que inclúe a China, Xapón e Corea do Sur, dará un maior impulso ao crecemento económico e ao comercio na rexión.  Esta representa 2.100 millóns de habitantes e un 30% do PIB mundial. Con este acordo China abre espazos para o comercio exterior, evitando nesa rexión os atrancos que lle está impoñendo Washington con outros países. Un paso positivo que se suma á rápida superación da crise causada polo covid-19. 

A situación económica e do emprego en China e algúns países da súa contorna, como Corea do Sur e Vietnam, por poñer dous exemplos, contrasta coa de Estados Unidos e Europa, o que acelera o desprazamento do papel central que tiñan as potencias occidentais. Teñamos en consideración que o PIB de Estados Unidos vai decrecer un -4,3% neste ano e só medrará o 3,1% no vindeiro. As cifras para a zona euro son de -8,3% e 5,2% respectivamente. E poucas palabras non se van a recuperar os valores do PIB de 2019 como mínimo até o 2022, sempre que a pandemia non se agudice. 

Asemade, Estados Unidos está metido nunha morea de conflitos militares en todo o mundo, que non dá resolto ou non quere pola presión do complexo militar-industrial e das grandes corporacións. Ademais as diverxencias sociais internas, expresadas na confrontación entre Demócratas e Republicanos, están abrindo feridas que xa non se salvan co tradicional “inimigo externo”. Aínda que isto non significa que non se utilice. Terá unha actitude distinta Bilden? Fará reformas que reduzan as contradicións? Tampouco se poden obviar como parte destes cambios acelerados as fortes mobilizacións na América Latina, a prol dunha axenda favorábel á xustiza social e á democracia. 

Estas tendencias terminaran afectando a todo o mundo, tamén á UE, ao Estado español (EE), e por suposto á nación galega. Os chalecos amarelos en Francia son un anticipo? Tamén a consolidación do soberanismo periférico no EE?

Acelénsanse os cambios

Te puede interesar