A BIBLIOTECA MUNICIPAL E O DESCANSO SABÁTICO

O pasado sábado, de mañá cedo, collín o coche e, autopista adiante, cheguei a Ferrol. Atendía así a un compromiso de amigos para estar no xurado dun Premio de Poesía, convocado polo Casino e este ano xa na súa sexta edición. Nin ás sete, nin ás oito, nin ás oito e media había público ningún para asistir ao acto. Curiosamente no cartel da entrada do edificio tampouco se informaba dunha charla que se ía dar sobre a figura de Filgueira Valverde, á que este ano vai dedicado o Día das nosas Letras. A culpa da desbandada semellaba tela a prensa, non sei se a “canallesca” ou outra calquera.
Eu pensaba aproveitar a viaxe para levar uns libros de literatura mexicana que a Biblioteca me pedira para a exposición “Mariano Azuela y la novela de la revolución mexicana. Siglo XX”. Tamén iso foi imposible, pois a nosa Biblioteca , ao parecer, carece de cartos para pagar unhas horas de traballo sabático polas mañás, para que lectores e estudantes repasen un tema, lean algunha novela, memoricen unha lección ou, cando menos, dean unha volta ás páxinas de prensa.
Un dos meus libros de cabeceira é a Guía de Bibliotecas de Galicia, que teño que consultar un día si e outro tamén. Cos seus datos diante afirmo que máis da metade das nosas Bibliotecas públicas abre unhas horas (catro ou cinco) pola mañá. Refírome ás pequenas bibliotecas, nas grandes é un feito habitual.
Alguén me comenta que non escriba sobre esta cuestión porque xa apareceron na prensa queixas ao respecto. Tanto me ten. Eu quero deixar constancia do que constitúe un acto de desatención á cultura e, particularmente aos mozos que están en idade de formarse, de aprender. Por outra parte, resulta incomprensible esta situación cando as instalacións da Biblioteca son tan excelentes como visitadas. Mais parece que nunca estamos ao completo e nunca funciona todo como debera. Ferrol é moitas cousas, mais tamén é cultura, e convirá non esquecelo. Aquela referencia bíblica segundo a cal “o séptimo descansou”, non ten nada que ver coa vida diaria da Biblioteca, que todos necesitamos, aínda os sábados.

A BIBLIOTECA MUNICIPAL E O DESCANSO SABÁTICO

Te puede interesar