amaín, Samonios, Defuntos, Magosto… Fin de Ano Celta e un novo leño a arder na lareira do ciclo. Onte participei no kilómetro do terror de Catabois, a distancia que vai do cemiterio municipal ate o case que esquecido de Canido. Moita mocidade ignora que o instituto de Canido está levantado sobre el. Quizais a muda da que foi rúa dos Mortos para a hoxe rúa da Coruña cultiva ese esquecemento. A morte é un correo moi pecho. E desde que perdimos o sentido cíclico dos rituais, moito máis. O calendario cristiá veu donear o celta, máis acaído á luz atlántica e ao noso clima espiritual, e mudou as nosas festas culturais atrasando o fin de ano para facelo coincidir co neno-sol ou Cristo do Nadal. Logo veu a sociedade consumista, coa súa filmografía ianqui, a estragar o sentido profundo desta celebración tan xunguida a unha forte comunidade rural que está nas últimas boqueadas.
A mundanza climática vén de rematar este trastallamento cultural e espiritual no que os galegos alentamos. Porque padecer unha calor de verao non axuda a entender a importancia do sol, da calor e do lume para toda forma de vida. Desprazarse en carro sen tripar a terra nen escuitar a melodía da natureza, tampouco. Mercar as cabazas, as castañas e case que os mortos nos centros comerciais, moito menos.
No kilómetro do terror (excelente iniciativa dos hosteleiros locais) desfila de todo menos a tradición. Bruxas, zombis, pantasmas, esqueletes, personaxes terroríficos de filmes estadounidenses ou xaponeses, noivas de desfile ou doncelas tétricas, vellas de antroido, meniños vampiros da transilvania da Paramount, lúgubres hospitais…incluso os polideportivos e asociacións culturais énchense de Truco ou trato nunha mala película de sobremesa eterna. Mais bótase en falla o noso, A Vella do Arco, a Lavandeira, O Can do Urco, A Santa Compaña, A Sociedade do Óso, a Antaruxada, as sereas, a Raíña Lupa, as manadas de lobos, os porcos, os cavalos, as serpes, os dragóns, os Mouros, as ánimas nosas, as que esbouran das castañas ao lume…e se non nos chega co noso, remedar á terrorífica Mebh coas súas razzias de gando, ás Mórrigan tan estarrecedoras e semellantes ás nosas lavandeiras da noite, pálidas e esluadas, que veñen a nos pedir que lles axudemos a torcer a roupa dos que morreron antes do que lles tocaba. Onte, un turista que participara da festa de Catabois non vería case ren do que é a nosa cultura.
Ao desenraizarnos do rural perdimos o sentido cíclico da vida. A escola e logo o traballo escravo, a golpe de agulla de plusvalía temporal arredounos dos soutos e das castañas, das cabazas e dos devanceiros, da querencia polo devalo do sol outonizo e a chegadas das xeadas, as treboadas e as neves. Queremos unha aplicación móvil para saber cómo vivir e amansar os nubeiros para que faga sol o ano enteiro. Crémonos seres aillados e autoabastados. Matamos ao Alén alonxando os camposantos e vendéndolle a nosa morte ás transnacionais tanatocráticas de metacrilato homologado con selo de trazabilidade do produto do deceso. Visto o xeito que temos hoxe de morrer, deberíamos fazer unha Compaña de cinzas e un Crematorio itinerante polo kilómetro do terror. Pois é ben máis contradictorio disfrazarmonos de esqueletes nun mundo que xa non enterra corpos, senón que deposita urnas de cinzas nuns cemiterios de cemento tan amoreados e desarbolados que ninguén gosta de frecuentar.
Mentres o tecido comunitario siga crebado e deamos en vivir a vida en retallos de reloxo ou de enlace de rede social, mentres a festa sigamos arredándoa da cultura nosa que é o que lle dá o sentido, seguiremos confundindo aos nosos Mortos cos Santos cristiáns, as cabezas cortadas protectoras do clan con cabazas de adobío ou concurso puramente estético, o medo da morte asumida e natural co terror anguriento do esquecemento eterno. E seguiremos desorientados e sen sentido celebrando un pedaleo no baleiro nun mundo de ruido, angustia e caos teledirixido. Mais eu, que son teimuda, aínda agardo que o vindeiro ano celebremos o kilómetro do terror coa presenza de castañas, fogueiras, viño e namoriscos vestidos da nosa cultura do Alén, tan louvada por etnógrafos e antropólogos do mundo e agardo que as deusas da soberanía, as fermosas e estarrecedoras mulleres míticas territoriais como a Luparia, desfilen por unha terra, tamén culturalmente soberana.