De respostas e ventos

|

Finalmente, Bob Dylan deu resposta á Academia Sueca cun cuasi sorprendido Como non vou aceptar o Nobel? Off course. A resposta deixou de estar no vento e xa ten luz e taquígrafos. No Congreso dos Deputados deixou de destecerse a túnica de Penélope. Rajoy foi elixido presidente despois de poñerse en marcha todo un guión, que ben desexarían para si os guionistas do celebre Camarote dos Irmáns Marx (de Groucho).
De paso, o proceso fractura, e deixa debilitado e dividido a un Partido Socialista que, sen ser o que gañou as eleccións, quedou como o responsable de todos os desaguisados e fallas de acordos e gobernos. E moitos, sorprendentemente, tanto de dentro coma de fóra, axudaron a propagar semellante patraña. Éche ben certo que a realidade sempre supera á ficción. Pero aínda queda por escribir un capítulo. Aquel que ten que ver co desenlace do papel a xogar polo exsecretario xeral, Pedro Sánchez. Dimitir? Ser candidato ás primarias novamente ou non selo? Nin o mismísimo Shakespeare podería resolver semellante dilema.
Moitos da vella garda andan nestes días nas televisións proclamando o que debe facer cada quen. Curiosamente, os mesmos que non resolveron adecuadamente o seu teñen agora respostas precisas para arranxar o dos demais. A situación non é cómoda para ninguén. Antonio Hernando semella ser a figura máis vulnerábel. Pasou de portavoz do “non é non! a ser, sen transición algunha, quen xustifique a abstención. E iso non deixa de chirriar, de producir dentera. Nin que fora unha tortura chinesa urdida por mentes tortuosas... Onte foi o punto final a un proceso de despachos. Agora empeza a crúa realidade.

De respostas e ventos