MÁGOA

|

Que as estratexias de parte pechen as portas ao máis urxente e necesario. Que os substantivos baleiros de contido oculten a parálise das ideas. Que se desprece ao “desertor”, que constrúe canda os demais, por procurar outro xeito de actuar na sociedade.
Se callar, a aproximación, a lectura pausada, a silabación das palabras sería quen de superar antagonismos artificiosos que agachan estratexias fracasadas. Velaí, por se a descoñece, a proposta dos anovadores: unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.
Bate o Cantábrico con forza na barra de Foz. No souto, entre a ramallada, contemplo as raiolas outonizas e persígoas no lamento das follas que alfombran o camiño.  Polo San Bartolo asoma o crecente. O paporroibo cantaruxa na cancela: en Suevia ha ser primavera (...a pesar de nós).

 

MÁGOA