Cárgaas o demo

|

Mais unha vez anda polos papeis e polo ar outra noticia desas que sempre recibo cunha sensación que mestura profunda rabia, noxo e desprezo absoluto polo asasino: a morte violenta dunha muller a mans do seu home, mozo, amante ou ex. Desta volta foi en Astorga e o vil executor foi o marido, un policía nacional xubilado, de quen, ao que parece, estaba en trámites de separación. A arma homicida unha pistola, que, como semella evidente, facilita moito as cousas. Por isto mesmo é polo que -ademais de me preguntar por enésima vez se conseguiremos acabar con esta cruenta violencia sen sentido- lembrei algo que hai anos me contou Xosé Manuel Pose, vello e benquerido amigo infelizmente desaparecido. Cando o nomearan subdelegado do goberno detectou que había xente de máis con permiso de armas sen unha razón de peso para telo. E decidiu rebaixalo substancialmente o que lle trouxo non poucas incomprensións e mesmo inimizades. Recordo as risas que botamos a conta das explicacións que lle dera un coñecido común que fora alcalde uns cantos anos. Porque, para que quería unha arma un exalcalde? E un policía retirado?

Cárgaas o demo