Seguridade ou medo

Depende como se mire e de como vivas o momento no que unha patrulla da garda civil manda deter o teu coche pasada a media noite e proceden ao que eles denominan “control de seguridade cidadán”. Isto foi o que me aconteceu o outro día e que paso agora a relatarlles. 
Volvíamos d’A Curuña coa miña filla: eu ía sentado atrás cando ao pasar a cabina de peaxe un garda civil mándanos parar á dereita onde atopábanse como catro coches celulares coas luces azuis acendidas e de pe na estrada varios números da benemérita. -Aparca ahí!, di un dos gardas namentres recibíamos a luz cegadora de varias lanternas e usando un trato que xa apuntaba a que a cousa non comezaba ben. Dáme la documentación del coche, carné de conducir y el del copiloto!. A miña filla requiriu que apagaran as lanternas e prendeu a luz interior do coche. Eu sentado atrás sen dicir nin pío observando por onde ían as cousas. A min nin me deron as boas noites, nada, coma se non existira.-Abre el maletero. Si, pero vou baixar e diante de min observe o que hai dentro e por favor tráteme, de vostede, dixo a miña filla sen pestanexar. Eu calado e eles ignorándome absolutamente. Que están a buscar? –Estamos haciendo un control de seguriad ciudadana, y ahora muéstreme su bolso. Namentres o garda facía o rexistro, outros catro permanecían de pe ao carón do rexistrador e a rexistrada nunha perfecta  e estudada posta en escena. A miña filla fuma dese tabaco de lear ( icadura) e o axente púxose a uliscar o tabaco imaxino que para se asegurar de que efectivamente fose tabaco. A miña filla non conducía nin ía fumando. Sería bo recordar que nos coches hai acendedor e cinceiro o cal significa que neles se permite fumar e un condutor fumando si pode ser un risco para a seguridade cidadán.  Eu estiven disposto a intervir pero imaxinei que non sería demasiado practico para o resultado dos acontecementos e preferín, xa que me ignoraban, seguir ausente. Rematada a representación nos deixaron continuar. Entón veu o momento da reflexión: eu, sinceramente non me sentín seguro e si máis ben intimidado e pensei que as forzas de seguridade están para  dar seguridade e non medo. Porque que é o que buscaban?: prófugos escapados do cárcere, terroristas, traficantes de armas, secuestradores, narcotraficantes? Non o creo, posiblemente dar cun un porro, impor medo meirande o atrezzo, a posta en escena, e por aí non creo que deban ir os tiros. Teño que dicir que outrora pasei por controis semellantes e o trato foi exquisito, por iso chamoume a atención este un tanto saído de ton. A seguridade cidadán éche outra cousa, os gardas deben estar aí para axudar, non para intimidar, para facilitar as cousas aos cidadáns, non para meterlles medo. Si, xa sei que para algúns esta fórmula funciona nalgúns casos, pero non é aplicable nos termos xerais. Ademais as forzas de seguridade, a policía e a garda civil reciben adestramento no senso de como deben tratar á cidadanía. A policía, concretamente, ata o de agora preparábase en Salamanca cun programa laico que dependía da universidade pero o ministro Fernández Díaz quizais aconsellado polo seu anxo da garda Marcelo, decidiu levar estes estudos a Ávila, unha universidade católica cuxo chanceler é o bispo co pueril argumento que resultaba máis barata. Esperemos que o barato na formación dos corpos de seguridade, ao final non resulte caro. 
 

Seguridade ou medo

Te puede interesar