Patrimonio da Humanidade, o teimudo fracaso do Concello de Ferrol

Fai agora máis de dezaseis anos que, nunha sesión conxunta, o Concello de Ferrol e a Academia Gallega de Bellas Artes fixeron a proposta de declarar Patrimonio da Humanidade ao conxunto do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol, recoñecendo o alto valor patrimonial do conxunto histórico de Ferrol da Ilustración. Comezou así, baixo o soporte económico do Concello ferrolán, a preparación da candidatura a Patrimonio da Humanidade. 
Nestes dezaseis anos pouco máis se fixo que o traballo de recompilación da información documental e bibliográfica necesaria para o proceso, plasmado logo nunhas interesantes publicacións, mais de difusión restrinxida. 
Entre os erros cometidos, non se informou de xeito cumprido aos cidadáns; estivo ausente a mediocre Universidade de Ferrol; non se contou cos Colexios de Arquitectos e Enxeñeiros Navais, que tanto terían que dicir deste patrimonio; se esqueceron ás Asociacións Culturais, tan importantes para a súa difusión. A maiores, o proceso tivo o desinterese das Asociacións de Empresarios e da Autoridade Portuaria; e a nula colaboración do Ministerio de Defensa, da Xunta de Galicia e da empresa Navantia.  
O proceso levouse a cabo mediante unha importante inversión económica, que non xustifica o nulo avance do expediente e sen que se vira, ata de agora, un resultado positivo. Tralo pequeno pulo inicial da alcaldía de Xaime Bello, grazas ao Concelleiro de Cultura Bonifacio Borreiros, seguiu a nula xestión dos seguintes alcaldes no tema, incluído o actual rexedor Jorge Suárez, que semella non decatarse de que vai a cosa. Agora, fai uns días, alguén tivo a simpática ocorrencia de facer unha reunión dos devanditos alcaldes, supoñemos que para que explicasen as razóns polas que ningún deles fixo nada cando tiveron ocasión de facelo no seu respectivo mandato. 
Ao longo deste amplo período non se creou o necesario Padroado ou Fundación, nin se nomearon os axeitados Xestores para desenvolver os Plans de Usos e Xestión dos monumentos e bens patrimoniais considerados. O proceso segue a ter unha morea de debilidades: a presenza dunha descoidada muralla que illa á cidade das instalacións da Armada; o uso pouco axeitado polo Ministerio de Defensa dalgunhas construcións do século XVIII, caso da Sala de Armas; a nula utilización das instalacións do castelo de San Felipe; o alto grao de contaminación estética e industrial da ría de Ferrol; o crecente desleixo e  descoido da Alameda e do barrio da Madalena; e así a seguir.
Semella vergonzoso que a importante información documental e gráfica recompilada nestes anos en diferentes arquivos nacionais e estranxeiros, non estea a dispor dos investigadores de xeito permanente nun lugar axeitado, sempre baixo o control do Concello. Estamos a falar dunha Base de Datos duns 3.000 rexistros, entre documentos, mapas e planos, ademais de centenares de referencias bibliográficas e miles de fotografías. ¿Onde se atopa esta documentación?  ¿Quen é o responsable dela neste intre? ¿Que foi do conxunto de paneis das exposicións de Ferrol da Ilustración? ¿Que se pode dicir dunha urbe que de sempre se amosou incapaz de crear un Museo da Cidade?
Hai que dicir finalmente que a petición de Patrimonio Mundial atinxe a uns cincuenta bens patrimoniais, de diferente entidade, moitos deles pertencentes ou dependentes de organismos e administracións diferentes da municipal: Ministerio de Defensa e de Fomento, Xunta de Galicia ou empresa Navantia, mesmo propiedade doutros Concellos (Castelo da Palma). 
Dito con claridade, estes Bens Culturais primeiro teñen que ser Patrimonio da Cidade para que logo poidan ser Patrimonio da Humanidade.
 

Patrimonio da Humanidade, o teimudo fracaso do Concello de Ferrol

Te puede interesar