Amazonía

No Centro Cultural Torrente Ballester está exposta unha mostra de pintura que leva o título xenérico  de “Amazonía-Tesouro fráxil” e vale a pena visitala. Trátase dunha exposición composta  a meirande parte por cadros de tamaño grande creados cunha técnica que consiste en empregar cinco capas de acrílico e óleo o que produce unha textura moi peculiar e un efecto visual impactante. Malia seren os cadros os protagonistas, o importante é o discurso, a mensaxe que transmiten, a razón que os inspira: a Amazonía coa súa flora, fauna e a morea de pobos que a habitan situada nese contexto de fraxilidade diante da ambición desmedida do ser humano.

O autor deses cadros, Manuel de la Mata, amósanos diversos aspectos dese tesouro ecolóxico e fundamental para a vida neste planeta, aspectos que non teñen en conta aqueles que confunden o color verde das follas co verde do diñeiro (como manifestou axeitadamente un dos presentadores da mostra). 

Esta xente sen escrúpulos levan moito tempo esquilmando aquel paraíso, quitando do medio a aqueles que se opoñen a ese gran latrocinio. Ven agora a miña memoria aquela canción do grupo Maná que se titula “Cuando los ángeles lloran” dedicada a Chico Méndez un dos destacados defensores da Amazónía asasinado polos que basean na ambición os seus espurios intereses.

É dificil imaxinar un bosque de case dez veces o tamaño de España ¿verdade?, o bosque húmido tropical máis grande do mundo o que significa que ven ser un xigantesco pulmón grazas ao que respira o planeta e tamén un santuario de biodiversidade. Todo isto non parece importar aos mercaderes sen escrúpulos, aos gobernos sen conciencia, aos ladróns de luba branca: nada disto importa con tal de encher as faldriqueiras dos que actúan sen importarlles o dano que causan aos demais.

Resulta cando menos curioso que destrás dunha exposición pictórica atopemos este tipo de mensaxes, unha chamada de atención as barbaridades que cometen algún seres humanos contra outros seres humanos. Por iso é recomendable visitar esta mostra de pintura “reivindicativa”, deterse de vagar diante de cada unha das imaxes e deixarse levar pola imaxinación ata esas terras marabillosas cuxa inmensa masa arbórea dános osixeno para respirar, en suma, para vivir.

Pensando na Amazonía imaxinamos tamén a Australia, a California e como non a Galicia polos incendios devastadores que sofreron. Xa é hora de que o ¡Nunca máis! sexa unha realidade. Poñamos o noso grao para facer graneiro. 

Amazonía

Te puede interesar